O BNG acusa á Xunta de incumprir o prazo prometido para licitar o novo centro de saúde do Carballiño

O BNG denunciou que a Xunta de Galicia non cumpriu o compromiso adquirido para licitar o novo centro de saúde do Carballiño dentro do primeiro semestre de 2026, un anuncio que o propio conselleiro de Sanidade realizou hai oito meses en resposta a unha pregunta formulada pola formación nacionalista no Parlamento de Galicia.
A denuncia trasladouna a deputada por Ourense Noa Presas, acompañada de Manuel Chan —candidato do BNG á alcaldía do Carballiño— e de varios membros da agrupación local. Segundo explicou Presas, a falta de dous meses para que remate o ano "non hai nin proxecto, nin orzamento, nin sequera se derrubou a vella estación de autobuses" do municipio, o terreo onde está previsto erguer a nova infraestrutura sanitaria.
Para a deputada nacionalista, trátase dun "auténtico escándalo", xa que considera que esta reivindicación leva anos enriba da mesa ao tratarse dunha demanda largamente reclamada pola segunda localidade máis poboada da provincia de Ourense, tras a propia capital. Presas lembrou que o Partido Popular asumiu este compromiso en 2021 e que, transcorridos cinco anos, a obra aínda non arrincou.
A representante do BNG subliñou ademais que a situación resulta "especialmente chamativa" se se compara co ocorrido cos Centros Integrais de Saúde (CIS) de Lugo, Vigo e Lalín, proxectos que si se fixeron realidade neste mesmo período. Pola contra, remarcou, Ourense segue sen contar co seu propio CIS e O Carballiño continúa agardando por un centro de saúde que no seu momento chegou a presentarse tamén baixo esa mesma denominación de Centro Integral de Saúde.
Desde a formación nacionalista insistiron en que a reclamación non responde a un capricho, senón que trae causa dos problemas estruturais e de dotación que arrastra o centro sanitario actual, tras anos de queixas veciñais, reivindicacións dos e das profesionais do ámbito sanitario, mobilizacións multitudinarias e reclamacións presentadas ante a Valedoría do Pobo.
O BNG recoñeceu que mantén reservas sobre a ubicación escollida para a nova infraestrutura, aínda que considerou que, unha vez resolta esa cuestión e adaptada a normativa urbanística, non existe xustificación para seguir atrasando o proxecto. A formación apuntou a que todo indica unha estratexia do goberno autonómico presidido por Alfonso Rueda para volver anunciar a obra nas proximidades das eleccións municipais. Por iso, o BNG reclamou respecto cara á veciñanza do municipio, esixiu que se licite a obra de forma inmediata e avanzou que presentará emendas aos orzamentos de 2027 para garantir unha partida específica destinada a esta infraestrutura.
Noa Presas sinalou que a súa formación tamén presentou iniciativas orientadas a corrixir as carencias de persoal e servizos no centro de saúde actual, especialmente mediante o incremento de horas, horarios e profesionais nas áreas que consideran máis necesitadas de reforzo, entre elas pediatría, matronas, xinecoloxía e radioloxía.