O BNG acusa ao PP de traizoar a Galicia por eliminar o control dos fondos europeos en prol do gasto militar

Durante a votación na Comisión de Desenvolvemento Rexional do Parlamento Europeo, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defendeu unha maior fiscalización dos vindeiros orzamentos europeos
votacion-ue-fondos-europeos
1 Sep 2026

O BNG votou este martes no Parlamento Europeo en contra de eliminar a vixilancia e a fiscalización dos fondos europeos proposta pola Comisión Europea e impulsada polo Partido Popular europeo en alianza coa extrema dereita para os vindeiros orzamentos da UE no 2028-2034. A eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, defendeu indicadores de gasto que atendan as necesidades do pobo galego e dos seus sectores produtivos.

Durante a importante votación que configura a lexislación dos vindeiros orzamentos comunitarios, neste caso o Regulamento de Acompañamento sobre as futuras normas de seguimento e fiscalización dos fondos europeos, negociación na que Ana Miranda é a única representante galega, a alianza entre o PP e a extrema dereita impuxo un menor control sobre o gasto en defensa e seguridade.

A coalición da dereita e de extrema dereita impuxo na votación unas normas para os fondos europeos que favorecen as partidas dos investimentos militares, o endurecemento dos controis fronteirizos e os proxectos industriais sen consideracións medioambientais.

“Esta configuración dos fondos europeos que está impoñendo o PP europeo significaría que proxectos como o da mina de Doade ou outro novo Altri terían prioridade e quedarían fora da vixilancia e seguimento do Parlamento Europeo“, explica Ana Miranda.

A eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, votou en contra desta deriva militarista na execución e fiscalización dos fondos europeos, lembrando que o PP da señora Von der Leyen é o mesmo que o do Sr. Feijóo e o Sr. Rueda. “Mentres o PP quere máis tanques, o BNG presentou finalmente case 200 emendas, aprobadas co obxectivo de protexer as políticas de cohesión territorial e social, como garantir vivenda accesíbel, loitar contra o despoboamento rural, o impulso de sectores produtivos como a agricultura e a pesca, a promoción do emprego ou a loita contra os lumes e a restauración posterior”.

“O PP traizoa a Galiza ao votar xunto coa extrema dereita por uns indicadores de gasto para os fondos europeos que diluíran os investimentos no país en favor dunha falsa competitividade deseñada dende o centralismo”, explica Ana Miranda, quen advirte que “Galiza non pode perder oportunidade para a súa agricultura e pesca, para construír vivendas públicas e accesibeís ou impulsar enerxías limpas e xustas”.

Nos vindeiros orzamentos comunitarios para o período 2028-2034, partidas de gran importancia para Galiza como o Fondo de Pesca, a Política Agraria Común (PAC), o Fondo Social Europeo ou o de Fondo Desenvolvemento Rexional sufrirán importantes perdas de cartos. Estas contas quitaríanlle 80.000 millóns de euros á PAC para adicarllos precisamente aos investimentos militares. E os fondos para a Pesca reduciríanse entre un 35% e un 65%.

A eurodeputada do BNG afirma que os fondos europeos teñen que servir para as necesidades que Galiza necesita, “o que até o de agora non foi ben executado polo goberno do PP, como ten advertido en numerosas ocasións o Consello de Contas. O voto deste martes na Eurocámara”, subliña Ana Miranda, “confirma que o PP seguen apostando por non gastar ben os fondos europeos. Prefiren desmantelar os sectores produtivos galegos”.

0.33271312713623