O BNG alerta de que a conxelación dos prezos do leite agrava a perda de rendibilidade das explotacións galegas

O BNG advertiu de que a decisión da industria láctea de manter conxelados os prezos do leite nos vindeiros meses, consolidando a redución de sete céntimos por litro aplicada de forma unilateral no pasado mes de maio, supón unha nova ameaza para a viabilidade das explotacións galegas e afonda na perda de rendibilidade dun sector considerado estratéxico para Galicia.
A portavoz parlamentaria de Agricultura do Bloque, Sonia Vidal, lembrou que Galicia continúa percibindo prezos en orixe inferiores á media estatal a pesar de ser a principal produtora de leite de España, cunha achega próxima ao 42 % da produción total. A nacionalista subliñou que esta situación resulta especialmente preocupante tendo en conta a calidade recoñecida da materia prima galega.
Desde o BNG consideran que a continuidade desta baixada de prezos consolida un modelo que prexudica ás explotacións galegas e compromete as perspectivas do sector para o que resta de 2026. Neste contexto, Vidal lembrou que a Xunta dispón da Mesa do Leite e do Observatorio Lácteo, organismos creados para analizar os custos de produción, detectar desequilibrios no mercado e anticiparse ás crises, pero criticou a falta de resultados efectivos e de medidas concretas.
A formación nacionalista demanda que o Goberno galego lidere unha posición firme fronte á industria e á distribución para garantir unha repartición máis xusta do valor xerado ao longo de toda a cadea alimentaria. Ademais, aposta por impulsar a transformación do leite en Galicia para incrementar o valor engadido xerado no propio territorio.
Sonia Vidal asegurou que o principal problema do sector non é a falta de estudos ou diagnósticos, senón a ausencia de decisións políticas que defendan os intereses das gandeiras e gandeiros. Segundo indicou, existen ferramentas e competencias suficientes para actuar, pero falta vontade para evitar que o valor xerado polas explotacións remate noutras mans.
O BNG sinala que a consolidación da baixada dos prezos chega nun momento especialmente complexo para as granxas galegas, xa que os custos de produción continúan incrementándose. Os prezos dos insumos, do gasóleo e dos fertilizantes manteñen unha tendencia ascendente, mentres que as sucesivas vagas de calor están a provocar perdas nos cultivos forraxeiros e descensos na produción leiteira do gando.
A formación tamén critica a actuación da Consellería do Medio Rural, á que acusa de non impulsar medidas que faciliten a continuidade das explotacións. Como exemplo, menciona os atrasos na resolución das axudas á incorporación de mozos e mozas ao sector agrario correspondentes á convocatoria de 2025.
Finalmente, o BNG cuestiona a estratexia da Xunta baseada no incremento da produción sen medidas paralelas que garantan a rendibilidade das explotacións. Para Sonia Vidal, Galicia produce máis leite ca ningunha outra comunidade, pero continúa percibindo prezos máis baixos debido a un modelo que prioriza a cantidade sobre a creación de valor. A deputada advertiu de que, sen unha aposta decidida por prezos xustos, unha industria transformadora máis forte e apoio ás pequenas e medianas explotacións, Galicia seguirá perdendo granxas e comprometendo o futuro dun dos seus sectores produtivos máis importantes.