O BNG asegura que a praza de Costas se usou como pago para rexistrar a moción de censura en Lugo

Olalla Rodil afirma que o posto xa estaba ocupado desde maio de 2025 e acusa á Xunta de mentir ao dicir que estaba vacante
BNG-Gran-Parque-Central-Lugo
27 Apr 2026

A viceportavoz do BNG no Parlamento de Galicia, Olalla Rodil, afirmou que a praza de emprego público de Costas en Lugo “está ocupada desde 2025 en concurso específico, é dicir, por un funcionario da Xunta designado directamente”, e acusou á conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, de “mentir” despois de asegurar que permanecía vacante.

A representante nacionalista lembrou que a conselleira negou a relación entre esa praza en Costas e a moción de censura, asegurando que “no momento no que unha xefatura de servizo queda libre, no minuto cero, vólvese convocar esa praza porque, se non, o servizo queda paralizado”.

Neste contexto, Rodil sinalou que a persoa que desempeña esa función “nunca dimitiu nin foi cesada”, polo que reclamou á Xunta que aclare “por que mentiu” a titular de Medio Ambiente.

Para o BNG, resulta “evidente” que esa praza, cuxo prazo de presentación de solicitudes remata este luns, era “o pago pola firma da tránsfuga” para que o PP puidese rexistrar a moción de censura en Lugo. “Unha cacicada, non ten outro nome”, subliñou Rodil.

Con todo, e malia que a edil exsocialista do Concello de Lugo María Reigosa asegurou que non optará á praza de emprego público, Rodil incidiu en que, persoalmente, “non sabe o que vai facer, pero a súa palabra non vale nada”.

Por todo isto, o BNG rexistrou distintas iniciativas parlamentarias para reclamar explicacións sobre este asunto e para que “se depuren todas as responsabilidades”.

Nesta liña, Rodil insistiu en que nun sistema democrático “non se poden admitir nin permitir o uso de recursos públicos para cambiar gobernos, manipular a vontade da cidadanía expresada nas urnas e satisfacer as ansias de poder do PP”.

0.46216893196106