O BNG considera “dramáticos” os datos de agarda no Sergas e urxe á Xunta medidas para garantir a asistencia

“Grave, dramática e moi preocupante”. Así cualifica a portavoz de Sanidade Hospitalaria do BNG no Parlamento, Iria Carreira, a situación da atención no sistema galego de saúde que reflicten os datos das listas de agarda publicados hoxe. Datos que, denuncia, amosan o deterioro da atención no Sergas por mor das políticas do Partido Popular, que “non é capaz de atallar a situación” nin de poñer enriba da mesa as medidas necesarias para garantir o dereito dos e das galegas a asistencia sanitaria de calidade.
“Aínda estamos moi lonxe de recuperar os niveis previos á irrupción da pandemia no ano 2020”, advirte a deputada, que salienta o incremento das listas de espera cirúrxicas, que indican que para unha operación hai que agardar no Sergas unha media de case 90 días, 20 máis que hai un ano.
Crecen tamén as esperas para unha primeira consulta hospitalaria (69,8 días, 12,5 más que en xuño de 2025) e para probas diagnósticas, engade a deputada, que salienta como un dos datos máis preocupantes o aumento de persoas doentes que levan agardando máis dun ano para ser intervidas, para ter cita co especialista ou para realizar algún tipo de proba.
Como exemplo disto, Carreira destaca as 753 persoas que agardan desde hai máis de doce meses para ter unha primeira consulta en Oftalmoloxía na área de Lugo, as case 340 na mesma situación pendentes dunha operación na área sanitaria de Compostela ou as máis de 1.600 que esperan, tamén desde hai máis de un ano, para facer unha endoscopia dixestiva.
Malia gravidade da situación que amosan os datos publicados, a deputada nacionalista advirte que “a realidade” aínda é peor, pois a Consellería de Sanidade segue negándose a facer públicos os datos verdadeiros, incluíndo os das listas de espera estruturais, e dicir, o número de pacientes que permanecen á espera de ser chamados polo Sergas tras rexeitar ser operados na privada.
Carreira acusa ao conselleiro de intentar botar balóns fora sobre a responsabilidade da situación no Sergas e apunta, neste sentido, que as cifras da lista de espera cirúrxica veñen empeorando desde o 2024, incrementándose tanto pacientes como tempo medio de espera, mostra evidente do “fracaso” da xestión do PP.