O BNG da Arnoia-A Limia reclama á Xunta que non autorice o Parque Eólico Cantanarrás

A formación nacionalista alerta dos efectos do proxecto sobre a biodiversidade, a paisaxe e o patrimonio e cuestiona a súa compatibilidade ambiental
bng-a-arnoia-a-limia
12 Aug 2026

O BNG da Arnoia-A Limia pide á Xunta de Galiza que non autorice o Parque Eólico Cantanarrás nin as infraestruturas previstas para a súa evacuación, ao considerar que a súa instalación pode xerar importantes impactos sobre o territorio, a biodiversidade e o patrimonio da comarca.

A formación nacionalista lembra que o proxecto está previsto nunha zona na que xa se formulara anteriormente outro parque eólico, o Parque Eólico Fonsanta, que obtivo unha Declaración de Impacto Ambiental desfavorable por parte da Xunta.

Desde o BNG cuestionan tamén a avaliación dos efectos acumulativos e sinérxicos que podería provocar Cantanarrás ao sumarse aos parques eólicos e ás demais infraestruturas enerxéticas que xa existen ou están previstas nas comarcas da Limia e da Baixa Limia.

O proxecto contempla a instalación de cinco aeroxeradores no Concello de Rairiz de Veiga. O BNG da comarca advirte de que a infraestrutura modificaría de maneira permanente a paisaxe e podería afectar elementos do patrimonio natural e cultural, así como a súa percepción visual desde o Camiño da Prata.

Silvia Piñar, membro da Plataforma STOP Eólicos e concelleira do BNG no Concello de Baltar, considera que o impacto debe analizarse desde unha perspectiva territorial máis ampla. “Non estamos falando só de cinco aeroxeradores en Rairiz de Veiga, senón dun novo proxecto que se suma a unha presión eólica cada vez maior sobre A Limia e a Baixa Limia. Non podemos aceptar que os nosos concellos vaian acumulando infraestruturas enerxéticas sen que se teñan en conta os seus efectos sobre a paisaxe, o patrimonio e a vida das persoas que habitan este territorio”, sinala.

A formación nacionalista considera que non debe normalizarse o incremento de liñas eléctricas, aeroxeradores e outras instalacións nun territorio que, segundo denuncia, xa soporta unha elevada presión enerxética. Neste contexto, o BNG defende tamén a necesidade de abordar unha moratoria eólica mentres a Xunta continúa coa elaboración do novo Plan Eólico de Galiza e coa definición das novas Zonas de Aproveitamento Eólico.

“Non ten sentido seguir autorizando novos proxectos mentres se está a deseñar o modelo eólico que debe ordenar o territorio nos próximos anos”, afirma Marcos Nogueiras, responsable comarcal do BNG Arnoia-A Limia. O nacionalista reclama que calquera nova planificación teña en consideración a situación dos territorios que xa soportan unha elevada concentración de infraestruturas enerxéticas.

O BNG reclama finalmente á Xunta que non dea luz verde ao Parque Eólico Cantanarrás e que priorice a protección do territorio, da paisaxe, do patrimonio e dos valores naturais da comarca fronte á implantación de novas infraestruturas enerxéticas.

0.37841296195984