O BNG de Vigo esixe explicacións de Caballero polo novo peche de praias por contaminación

Tacha de “insulto á intelixencia” que o Goberno municipal culpe ás choivas das verteduras de augas fecais e reitera a urxencia de actuacións na rede de saneamento
praia-samil-vigo
26 Aug 2026

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) esixe explicacións transparentes de Abel Caballero despois do terceiro peche de praias este verán en Vigo pola presenza de bacterias fecais. A fronte nacionalista tacha de “insulto á intelixencia” que o Goberno municipal culpe destes episodios ás choivas e reitera a urxencia dunha auditoría e de actuacións na rede de saneamento para poñer fin a estas verteduras.

“É a evidencia dun fracaso estrutural: despois de 30 anos seguimos tratando a Ría de Vigo como unha gran cloaca”, lamentou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, tras o peche ao baño nos areais de Samil e da Punta. “Caen catro pingas e os colectores colapsan botando augas sen depurar directamente ao mar”, criticou, lembrando que a veciñanza viguesa paga un dos recibos de saneamento máis caros de Galiza.

Este é o terceiro caso de contaminación fecal no que vai de verán nas praias viguesas, logo do peche do areal de Alcabre a finais de xuño e da Punta a mediados de agosto. Ao que se suman outros episodios de verteduras de augas sen depurar, como o denunciado polo propio BNG a pasada semana no dique do Náutico.

Por este motivo, o Bloque vai demandar a convocatoria urxente do Consello Sectorial de Medio Ambiente do Concello. “Non podemos aceptar que a inacción municipal permita que se continúen a verter augas sen depurar ao mar”, advertiu Igrexas.

Dende a fronte nacionalista consideran que o Goberno de Caballero ten que “dar a cara” por estes feitos e poñer en marcha unha auditoría de toda a rede de saneamento, que xa foi demandada de forma reiterada polo propio BNG, para executar de forma executar as medidas necesarias para garantir a calidade da auga nos areais de Vigo. “Hai que poñer fin dunha vez por todas a este vergoñento espectáculo de cada verán”, concluíu.

0.34908103942871