O BNG de Vigo reclama á Xunta que rectifique os recortes de persoal nos centros educativos públicos

A formación nacionalista denuncia problemas de persoal, falta de substitucións e carencias de especialistas en varios centros da cidade e reclama unha solución inmediata
concentracion-escola-infantil-vila-laura-vigo
7 Oct 2026

O BNG de Vigo reclamou este mércores á Xunta de Galicia unha rectificación na política de persoal dos centros educativos públicos da cidade, ante os problemas que, segundo denuncia a formación, se están producindo desde o inicio do curso.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, sinalou dificultades de persoal en diferentes centros, así como a falta de substitución de baixas e xubilacións e problemas para cubrir determinadas necesidades de especialistas. Entre os centros mencionados polo nacionalista figuran Igrexa Candeán, Frián, Otero Pedraio e Illas Cíes, ademais do Fleming e o Lope de Vega.

Igrexas tamén criticou a situación derivada da compartición de especialistas entre diferentes centros e advertiu das consecuencias que pode ter para a atención ao alumnado con necesidades educativas específicas, especialmente nas áreas de pedagoxía terapéutica, audición e linguaxe e orientación. Neste sentido, referiuse ás demandas dos colexios San Salvador e Josefa Alonso e da Escola Infantil da rúa Aragón.

O BNG cualificou o inicio de curso de “nefasto e calamitoso” e acusou o Goberno galego do PP de aplicar unha política que, ao seu xuízo, prexudica especialmente o ensino público da cidade.

Un dos casos sinalados pola formación nacionalista é o da Escola de Educación Infantil Vila Laura, onde a dirección reclama a incorporación dunha terceira mestra de apoio. Segundo explicou Igrexas, a Consellaría comunicara inicialmente a incorporación deste reforzo tras as primeiras protestas da comunidade educativa, pero posteriormente non chegou a executala. O BNG considera que este persoal é necesario para atender adecuadamente o alumnado de tres a cinco anos.

A formación reclama á Xunta que garanta os recursos humanos necesarios nos centros públicos e critica que se utilicen as ratios e os catálogos de persoal como límites para reforzar os cadros docentes. Igrexas tamén cuestionou que se destinen recursos ao ensino privado-concertado mentres, segundo denunciou, existen carencias nos centros públicos.

O BNG reclama unha solución inmediata aos problemas de persoal e advirte de que, se a Xunta non rectifica, debería producirse o cesamento do xefe territorial de Educación, César Pérez Ares. Igrexas afirmou que a comunidade educativa de Vigo “non atura máis maltrato, máis recortes, nin máis tomaduras de pelo” e responsabilizou o responsable territorial da aplicación dos recortes educativos na cidade.

0.35237216949463