O BNG de Vigo solicita a paralización do proxecto de alta tensión da Red Eléctrica Española

Alerta de graves afectacións ambientais, patrimoniais e veciñais nun trazado de máis de 21 quilómetros que prevé 15 torres de ata 55,2 metros de altura en Bembrive
antenas-electricidade
22 Oct 2026

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo vén de presentar publicamente as alegacións que formulou contra o proxecto da liña de alta tensión impulsada por Red Eléctrica Española, nas que reclama a nulidade do seu Estudo de Impacto Ambiental e a paralización inmediata do procedemento. A fronte nacionalista advirte de que o trazado proposto provocaría graves afectacións ambientais, patrimoniais e veciñais na parroquias de Bembrive, Beade, Matamá, Castrelos e Comesaña.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, lembra que esta infraestrutura eléctrica é unha demanda histórica de Vigo, desatendida durante anos polos sucesivos gobernos españois, pola súa importancia para evitar paradas no tecido industrial e estabilizar o subministro eléctrico no conxunto da cidade. Porén, advirte de que a necesidade da liña non pode xustificar calquera trazado nin a falta de rigor na avaliación dos seus efectos.

"Estamos diante dunha infraestrutura de máis de 21 quilómetros deseñada desde a opacidade, sen valorar de verdade todas as alternativas, e cun proxecto non avalía o custo real do impacto ambiental. Red Eléctrica optou pola solución máis barata, non pola máis responsábel", denuncia Igrexas.

Bembrive, a parroquia máis castigada

O impacto sería especialmente grave en Bembrive, onde o proxecto prevé erguer 15 torres de ata 55,2 metros de altura, equivalentes a edificios de 18 andares, e afectar 24 hectáreas de monte nas ladeiras do río Eifonso. O BNG alerta tamén da ameaza sobre elementos catalogados do patrimonio, do impacto paisaxístico, dos riscos asociados aos incendios forestais e dos efectos sobre a avifauna.

Igrexas considera inxustificábel que o proxecto contemple o soterramento noutros tramos e opte por un tendido aéreo nesta contorna periurbana e natural. A fronte nacionalista sinala, ademais, a insuficiente análise das consecuencias sobre as captacións de auga, unha cuestión que considera de máxima importancia.

Afeccións veciñais e falta de garantías ambientais

As alegacións advirten tamén das consecuencias para outras parroquias. En Beade, as obras de soterramento previstas nas rúas Ramiro Pascual e Clara Campoamor poderían condicionar gravemente os accesos ao Hospital Álvaro Cunqueiro e ao CEIP Otero Pedrayo.

En Matamá, o BNG denuncia que o proxecto non ten suficientemente en conta a densidade poboacional nin as afeccións acumuladas pola presenza doutras infraestruturas eléctricas e industriais. Tamén cuestiona a ausencia de medidas específicas de mitigación, como o apantallamento electromagnético.

A fronte nacionalista critica que a documentación non calcule punto por punto os valores dos campos electromagnéticos, potencialmente carcinóxenos segundo a OMS, nas vivendas máis próximas nin analice con rigor a contaminación acústica das obras. Reclama igualmente unha avaliación completa dos efectos acumulativos e sinérxicos con outras instalacións existentes ou proxectadas nas parroquias que atravesa, así como dos prexuízos derivados das servidumes e da depreciación das propiedades afectadas para as que se propón unha compensación abertamente insuficiente.

Silencio cómplice de Caballero

Igrexas anunciou tamén que o BNG levará ao próximo Pleno municipal unha iniciativa para reclamar que o Goberno de Abel Caballero apoie expresamente as alegacións veciñais e esixa á Xunta de Galiza que as atenda antes de adoptar unha decisión sobre a autorización do proxecto.

Igrexas demanda a denegación da autorización nos termos actuais e a elaboración dun estudo completo que avalíe alternativas e preserve o territorio. "Abel Caballero ten que abandonar o silencio cómplice, e posicionarse claramente en defensa dos intereses da cidade e a carón da veciñanza", conclúe.

0.2928512096405