O BNG denuncia a falta de restauración das zonas afectadas polos grandes incendios de 2025

Ana Miranda alerta desde A Rúa dos efectos que a ausencia de actuacións pode ter sobre os recursos hídricos, a seguridade e a xestión do territorio
bng-ana-miranda-a-rua
11 Aug 2026

O BNG denuncia a falta de avances na restauración das zonas afectadas pola vaga de incendios que sufriu Galicia en 2025, especialmente na provincia de Ourense, que concentrou o 85 % da superficie queimada e 15 dos 18 grandes incendios forestais rexistrados o pasado ano.

A denuncia formulouse este luns en A Rúa, durante a presentación da exposición Lume, a ameaza dos incendios en Europa: o caso de Galiza a través da mirada de Brais Lorenzo, unha mostra do fotoxornalista Brais Lorenzo, recoñecido co World Press Photo Award 2026. A eurodeputada do BNG Ana Miranda aproveitou a presentación para reclamar un reforzo dos medios de extinción e unha mellora das políticas de prevención e xestión do medio rural, nun momento no que permanecen activos varios incendios nas provincias de Ourense e Pontevedra.

A Rúa foi escollida como primeira parada da exposición precisamente polo impacto que tivo a vaga de lumes no municipio. A alcaldesa, María G. Albert, explicou que “foi un dos concellos máis afectados pola vaga” e advertiu de que, un ano despois, “non se teñen feito labores de restauración, coas afectacións evidentes nos recursos hídricos, os problemas de escorrentías, de salubridade ou de seguridade cidadá”.

A rexedora considera que “estes problemas vanse repetir no tempo ante a falta de restauración do territorio”.

Desde o BNG sinalan que, malia a dimensión dos incendios rexistrados en 2025, o Goberno galego non estaría ofrecendo datos actualizados sobre os traballos de restauración das superficies afectadas.

Ana Miranda cuestionou a actuación da Xunta e afirmou que “o Goberno de Alfonso Rueda incumpre os obxectivos sobre restauración da natureza que veñen da Comisión Europea, empregando mal os fondos europeos que ten a disposición”. A eurodeputada tamén puxo en valor a exposición, que ao seu xuízo “evidencia un problema, o dos grandes incendios e a súa afectación, que se tentou agochar, igual que agora acontece coa deficiente restauración”.

A mostra, que xa pasou polo Parlamento Europeo, está concibida tamén como unha homenaxe ás vítimas dos incendios, ás veciñas e veciños que participaron na loita contra o lume en 2025 e ao conxunto da cidadanía galega afectada polos grandes incendios forestais.

No acto participaron, ademais de María González Albert e Ana Miranda, a deputada no Parlamento de Galicia Montserrat Valcarce, enxeñeira agrónoma da USC; o responsable de medio rural na Executiva do BNG, Xosé Manuel Puga; e o doutor enxeñeiro de montes pola USC Xabier Bruña.

Os representantes nacionalistas tamén alertaron sobre a situación de risco que se mantén durante este verán. A finais de xullo, o Centro de Coordinación de Respostas ante Emerxencias da Comisión Europea sinalou que “Galiza está en mellores condicións que o ano pasado” polas condicións atmosféricas, pero advertiu de que “nin por asomo” rematara a tempada de risco de incendios.

Ata o momento, os incendios de Padrón, Boborás e Xermade foron os máis importantes deste verán e afectaron en conxunto máis de 600 hectáreas, sen que se rexistrasen danos persoais.

A deputada autonómica Montse Valcárcel incidiu na importancia de actuar sobre o territorio despois dos incendios e advertiu de que “se non existe a restauración do chan a súa riqueza vai se perder, se non protexemos despois dun incendio os problemas continuarán moito despois dos lumes”.

Valcárcel lembrou ademais que “o monte é responsabilidade da Xunta, como o son as faixas secundarias, que tiñan que estar executadas para o 31 de maio”.

Segundo o BNG, un ano despois da vaga de incendios de 2025, a Xunta incumpre o compromiso anunciado de asumir a limpeza das franxas secundarias nos municipios con menos de 100.000 habitantes, incluídas parroquias consideradas de alto risco de incendios.

A formación nacionalista sinala tamén que permanecen sen executar plans municipais de prevención e solicitudes de declaración de Zonas de Actuación Urxente ou Prioritaria.

0.29224181175232