O BNG denuncia a suspensión do transporte ferroviario en Vigo sen alternativa e exixe explicacións ao Goberno

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, critica a falta de previsión e planificación ante alertas meteorolóxicas anunciadas con antelación e reclama protocolos que garantan transporte alternativo e información anticipada
BNG nestor rego
6 Feb 2026

O Bloque Nacionalista Galego denunciou a suspensión total e indefinida de todos os servizos ferroviarios con orixe e destino Vigo —Alta Velocidade, Media e Longa Distancia— decidida por Renfe e Adif o xoves, 5 de febreiro. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, recriminou que a decisión se adoptase sen habilitar ningún tipo de transporte alternativo por estrada, deixando sen posibilidade de mobilidade a milleiros de persoas usuarias.

Ás 6:42 horas da mañá, Adif e Renfe anunciaron a través das redes sociais a cancelación de todos os trens con orixe e destino Vigo, alegando as condicións meteorolóxicas derivadas do paso da borrasca Leonardo e a alerta marela decretada na provincia de Pontevedra. A propia Renfe recoñeceu que a suspensión se realizaba sen ofrecer medios alternativos, a pesar de que as previsións meteorolóxicas adversas estaban anunciadas con varios días de antelación pola AEMET.

Néstor Rego considerou que “a prudencia ante fenómenos meteorolóxicos adversos é necesaria, mais o que non é aceptábel é a improvisación e a absoluta falta de previsión que deixa tiradas a milleiros de persoas sen ningunha alternativa para chegaren ao seu destino”. Segundo explicou, “non se pode informar dunha decisión desta magnitude a primeira hora da mañá cando xa había milleiros de persoas con viaxes programadas, especialmente cando a situación meteorolóxica era coñecida con antelación”.

A suspensión afecta a todos os servizos de Alta Velocidade, Media e Longa Distancia que conectan Vigo con Santiago, Ourense, Tui e coa Meseta, así como ao servizo Vigo–Barcelona, que pasou a prestarse desde Ourense. Ademais, Renfe advertiu de posíbeis incidencias nas conexións ferroviarias entre Santiago e A Coruña, agravando aínda máis a situación de colapso e incerteza para as persoas usuarias do tren en Galicia.

O BNG denunciou que esta decisión evidencia unha xestión deficiente por parte de Renfe e Adif e unha falta de compromiso do Goberno do Estado co dereito á mobilidade da cidadanía galega. Rego subliñou que “cando existen alertas meteorolóxicas anunciadas con varios días de antelación, é obriga das empresas públicas planificar respostas alternativas que garantan a continuidade do servizo sempre que sexa seguro, e non limitarse a cancelar todos os trens sen máis”.

O deputado nacionalista reclamou ao Goberno recoñecer que a información ás persoas usuarias foi tardía e claramente insuficiente, actuar con maior previsión e planificación ante episodios meteorolóxicos adversos e activar con antelación plans alternativos de transporte por estrada para evitar deixar sen servizo a milleiros de persoas. O BNG exixe tamén que se fagan públicos e se revisen os protocolos de Renfe para situacións de alerta meteorolóxica, priorizando a anticipación, a información clara e a protección dos dereitos da cidadanía.

“O ocorrido en Vigo é unha mostra máis do desleixo cos servizos ferroviarios en Galicia e do trato discriminatorio que sofre o noso país en materia de infraestruturas e servizos públicos”, concluíu Néstor Rego.

⚙ Configurar cookies
0.32616996765137