O BNG denuncia no Pleno a “estratexia de demolición” da Atención Primaria que o PP mantén dende hai 16 anos

O BNG levará ao Pleno do Parlamento o deterioro da Atención Primaria e a situación das residencias de maiores, denunciando a falta de medidas do Goberno do PP. Olalla Rodil advirte de que os recortes do Executivo galego “teñen consecuencias directas na sanidade pública”.
Olalla
12 Nov 2025

O BNG centrará o Pleno da próxima semana no deterioro da sanidade pública galega e nas deficiencias das residencias de maiores, dúas cuestións que considera “urxentes” e “mostra do abandono do Goberno do PP”.

A viceportavoz nacionalista, Olalla Rodil, explicou que a portavoz nacional, Ana Pontón, interpelará ao presidente da Xunta sobre “a estratexia de demolición da Atención Primaria” e o rexeitamento social á reforma sanitaria impulsada polo Executivo.

“O PP conseguiu algo ben difícil: poñer de acordo a todo o mundo en contra da súa reforma”, asegurou Rodil, lembrando que mesmo os colexios médicos, sindicatos e organizacións de pacientes coinciden en criticar as políticas sanitarias do Goberno autonómico.

A deputada destacou que “o PP recortou 1.700 millóns de euros en sanidade, e agora vemos as consecuencias: listas de espera máis longas, falta de pediatras para 11.000 nenos e nenas, escaseza de persoal nos PAC e carencias na atención á saúde mental”. Tamén criticou que o presidente Rueda prometera 14 psicólogos clínicos e só se incorporasen sete para atender 400 centros de saúde en Galicia.

O BNG tamén pedirá explicacións pola situación nas residencias de maiores, tras novas denuncias sobre condicións indignas na DomusVi de Monforte, onde se rexistrou un caso de sarna, igual que no 2022. Rodil lembrou que este é “un novo caso de abandono” que se suma aos acontecidos en Amoeiro e Xinzo, e reclamou que o PP publique as actas de inspección que segue ocultando.

Ademais, o grupo nacionalista presentará unha pregunta urxente sobre a contaminación da auga en Valdeorras pola chegada de cinzas dos incendios de agosto, denunciando “a inacción do Goberno galego ante as advertencias”.

Coincidindo co Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o BNG defenderá unha proposición non de lei para ampliar os servizos de protección e atención, reclamando máis persoal, recursos e unha rede máis ampla de CIMs, así como a reversión das privatizacións dos centros de crise 24 horas.

No ámbito orzamentario, Rodil anunciou que o BNG presentará unha emenda á totalidade aos Orzamentos da Xunta, que cualificou de “freo ao avance de Galiza”. “Non responden ás necesidades reais nin ofrecen solucións para a sanidade, a educación ou a industria”, subliñou.

O Bloque presentará propostas alternativas para blindar os servizos públicos, garantir unha vellez digna e promover un modelo industrial sustentábel, fronte ao que cualifican de “franquismo industrial do PP con empresas contaminantes como Altri”.

⚙ Configurar cookies
0.36544394493103