O BNG denuncia recortes no Programa de Respiro Familiar e advirte de que reducirán o acceso ás axudas para as familias coidadoras

A viceportavoz do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, denuncia que a redución de 400.000 euros no orzamento do Programa de Respiro Familiar da Xunta deixará sen axuda a centos de coidadoras e coidadores de persoas dependentes ou con grandes discapacidades.
Segundo explica a deputada nacionalista, o programa conta este ano cun orzamento que apenas supera os 735.000 euros e está destinado a facilitar períodos de descanso ás familias e persoas que atenden no domicilio a dependentes, especialmente durante os meses de verán. As axudas poden alcanzar os 1.000 euros para contratar atención domiciliaria ou unha praza nun centro de día, mentres que no caso dunha residencia a contía máxima é de 1.500 euros.
Rodil destaca que, de acordo cos datos da propia Xunta, as persoas coidadoras son maioritariamente mulleres que prestan atención durante as 24 horas do día e os sete días da semana a persoas cunha discapacidade recoñecida superior ao 75 %, con graos II ou III de dependencia ou que necesitan apoio de terceiras persoas para desenvolver as actividades da vida diaria.
“Hai que coidar a quen coida”, sinala a representante do BNG, que advirte de que a redución do financiamento pode incrementar o número de familias que quedan fóra da convocatoria. A deputada lembra que, segundo datos do Observatorio Demográfico de Galiza, nas convocatorias anteriores a falta de orzamento xa deixou sen axuda entre o 80 e o 90 % das persoas e familias que a precisaban.
A formación nacionalista tamén cuestiona o atraso na publicación da convocatoria. Rodil sinala que a Consellería de Política Social activou o programa en agosto, cando nos anos anteriores se publicaba nos meses de abril ou maio, polo que as persoas beneficiarias dispoñerán de dous meses para presentar as solicitudes.
“É un absoluto despropósito”, considera Rodil, que anuncia que o BNG rexistrou unha iniciativa no Parlamento que será debatida no primeiro Pleno do novo curso político. A proposta pretende que o Goberno de Rueda elabore un plan que garanta o dereito ao respiro das persoas coidadoras, a maioría delas mulleres.
Entre as medidas que formula o BNG está o incremento das prazas dispoñibles nos centros residenciais, coa creación de 1.000 novas cada ano ata o final da lexislatura. Rodil pon como exemplo as dificultades denunciadas por entidades sociais como ASPANEMI, na comarca de Ferrolterra, para atopar prazas en residencias e centros de día destinadas a persoas con discapacidade.
Segundo explica a deputada, esta situación fai que algunhas familias teñan que recorrer a centros situados fóra de Galiza para poder acceder aos servizos de respiro, asumindo uns custos que considera dificilmente soportables para as familias traballadoras galegas.
O BNG reclamará tamén un incremento dos fondos destinados ao Programa de Respiro Familiar e que se garanta a cobertura do 100 % das solicitudes derivadas de situacións de emerxencia. Para iso, propón realizar entrevistas individualizadas que permitan determinar as necesidades de cada familia e ofrecer unha resposta adaptada mediante a combinación dos recursos dispoñibles.