O BNG denuncia un novo “pelotazo fiscal” para beneficiar as eólicas

O viceportavoz do BNG no Parlamento Luís Bará acusou o Goberno do PP de pretender aprobar, a través da lei que acompaña os Orzamentos, un novo “pelotazo fiscal” para beneficiar ás empresas eólicas que están repotenciando os parques instalados en Galiza.
“O que quere a Xunta do PP é que as eléctricas poidan instalar máis potencia e que a cambio paguen menos impostos, ata un 90% menos do que terían que pagar se se aplicase o cambio no canon eólico”, denunciou Bará, referíndose así á modificación aprobada na Lei de Acompañamento dos Orzamentos de 2025. Segundo o aprobado ese ano, que segue pendentes, o canon adaptaríase aos novos aeroxeneradores utilizados para a repotenciación e xa non ía depender do número destes, senón da súa potencia e tamaño.
Segundo asegurou Bará, “está claro que houbo unha presión das enerxéticas e que o PP na Xunta accedeu a retrasar a aplicación dese canón”, de maneira que, cando menos 10 parques que están agora mesmo en proceso de repotenciación, pasarán de ter que pagar os 3 millóns que implicarían os cambios aprobados no 2025, a tan só 377.000 euros, aforrándose así en torno a 2,5 millóns de euros.
“E isto, que xa é escandaloso en si mesmo, prodúcese nun contexto no que o prezo da luz está polas nubes e as empresas eléctricas estanse forrando literalmente”, engadiu o deputado nacionalista, que lembrou que as enerxéticas obtiveron ata setembro deste ano un 55 % máis de beneficios que en 2025, superando os 15.000 millóns de euros. “Polo tanto, pelotazo fiscal para as eléctricas e prexuízo para a maioría social”, sintetizou Bará, que deixou claro que o BNG defende os cambios no canon eólico de xeito transitorio, “pois o noso modelo é outro”.
A prórroga que pretende aprobar o PP suporá tamén unha minguada de ingresos para os concellos, que reciben cartos a través do Fondo de Compensación Ambiental, explicou así mesmo o deputado nacionalista tras a Xunta de Portavoces na que se fixou a orde do día do Pleno da próxima semana. Un pleno no que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, preguntará precisamente na sesión de control “por que o señor Rueda segue beneficiando ás eléctricas en vez de poñer a enerxía ao servizo da sociedade”.
O BNG levará tamén ao próximo Pleno unha iniciativa para reclamarlle ao PP na Xunta que cumpra o acordo parlamentario que lle obrigaba a presentar antes de finalizar o ano 2026 unha nova planificación hidráulica e un novo plan de financiamento até 2032, coa participación das distintas administracións, de 800 millóns de euros, “como mínimo”, para obras de abastecemento e saneamento.
Como proposición non de lei, o Bloque defenderá ademais no vindeiro pleno unha iniciativa sobre dereitos lingüísticos “porque constatamos que, en pleno 2026, en Galiza non se respectan os dereitos das persoas galegofalantes nin tan sequera na Administración”, destacou Bará.
As coñecidas como “aulas senda” no ensino centrarán, por outra banda, unha das interpelacións no Pleno do BNG, que as considera “un paso máis na segregación do alumnado”. “A Xunta do PP, en vez de incrementar o investimentos e o persoal especialista para atender ao alumnado con necesidades educativas especiais, o que fai é sacalos das aulas para aforrar recursos e segregalos, que é algo que, ademais, prohibe a Lomloe”, sostivo o viceportavoz parlamentario.
Tamén como interpelación, o BNG levará ao Pleno o “incumprimento na súa inmensa maioría” da Estratexia do Sector Lácteo 2020-25. Ademais, o grupo de deputados nacionalistas preguntará ao Goberno galego pola destrución da ponte de Baxeles en Vilamartín de Valdeorras “a consecuencia da mala xestión tras os incendios de 2025”, pola situación que atravesa a planta de silicio de Ferroglobe, con ameaza de ERE, ou sobre o proxecto para a instalación dunha planta de baterías de almacenamento de enerxía eléctrica na parroquia de Belesar, en Chantada.