O BNG e Galiza Nova abren en Vigo a IX Semana da Patria Galega cunha bandeira xigante e un chamamento á soberanía

A programación inclúe actividades culturais, políticas e xuvenís para reivindicar a nación galega e animar á participación na manifestación nacional do 25 de xullo en Compostela
bandeira-xigante-vigo-dia-da-patria
10 Jul 2026

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) e a organización xuvenil Galiza Nova deron comezo este venres en Vigo á IX Semana da Patria Galega coa despregadura dunha bandeira xigante nas Travesas, nun acto simbólico co que arrancan unha ampla programación de actividades enmarcadas na campaña “Somos unha nación” de cara á celebración do Día da Patria Galega.

A iniciativa pretende reivindicar a soberanía de Galiza, a defensa dos dereitos nacionais e sociais e a aposta por un mundo en paz, ao tempo que busca mobilizar a cidadanía para participar na manifestación nacional convocada para o vindeiro 25 de xullo en Santiago de Compostela.

Durante o acto, o portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, reafirmou o compromiso da organización nacionalista por converter a cidade no “motor de todo un país” e reivindicou o papel de Vigo como principal urbe galega. Neste sentido, defendeu a necesidade de recuperar o dinamismo cultural, creativo, industrial e produtivo da cidade, así como impulsar o seu liderado nos ámbitos da innovación, a tecnoloxía e as comunicacións.

“Vigo ten que asumir o seu papel como primeira cidade de Galiza fronte ao hiperlocalismo ramplón e españolista que algúns practican”, asegurou Igrexas, quen tamén incidiu na importancia de ofrecer alternativas á mocidade fronte á precariedade laboral, o desemprego e a emigración.

O dirixente nacionalista destacou que a programación da Semana da Patria Galega inclúe actividades destinadas á reflexión sobre cuestións como a figura de Moncho Reboiras, a soberanía nacional, o imperialismo, as Bases Constitucionais da Galiza, a situación da lingua galega, a loita feminista e os dereitos do colectivo LGBT+.

Entre os actos centrais figura a proxección do documental Reboiras, acción e corazón, que terá lugar o mércores 15 de xullo no Río Lagares e contará coa presenza do seu director, Alberte Mera. Igrexas explicou que esta actividade busca reivindicar o legado de Moncho Reboiras como referente do nacionalismo galego e da loita pola xustiza social, fronte ao que cualificou como intentos de criminalización da súa figura por parte do Partido Popular.

A programación continuará o venres 17 de xullo cunha mesa redonda baixo o título Soberanía fronte a Imperialismo, na que participarán o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a deputada nacionalista no Parlamento galego, Montse Prado. O debate pretende afondar na necesidade de fortalecer a soberanía dos pobos nun contexto internacional marcado polos conflitos bélicos e pola influencia das grandes potencias.

O ciclo pecharase o martes 21 de xullo cunha palestra dedicada ao cincuenta aniversario das Bases Constitucionais da Galiza, na que intervirán dúas figuras históricas do nacionalismo galego, Olaia Fernández Davila e Francisco Rodríguez. Segundo explicou Igrexas, o obxectivo é reivindicar a vixencia deste documento político como folla de ruta para avanzar cara a unha Galiza máis xusta, igualitaria, democrática e con maior capacidade de decisión.

Ao longo da semana desenvolveranse ademais repartos de bandeiras, faladoiros organizados por Galiza Nova, actos comarcais e actividades culturais que culminarán coa participación na manifestación nacional do Día da Patria Galega en Compostela.

Desde o BNG e Galiza Nova fixeron un chamamento á cidadanía viguesa para sumarse á programación e participar activamente nas celebracións do 25 de xullo, nunha edición que quere poñer o foco na defensa da identidade nacional galega e no dereito do país a decidir libremente o seu futuro.

0.35693311691284