O BNG esixe á Xunta o pagamento inmediato das axudas polos lumes de 2025 e denuncia retrasos na tramitación

Advirten que “nove meses despois da vaga de incendios segue habendo arredor de mil solicitudes en tramitación"
xose-manuel-puga
27 May 2026

O grupo nacionalista levará ao pleno da Deputación de Ourense unha moción na que reclama acelerar os pagos pendentes ás persoas afectadas pola vaga de incendios do verán de 2025 e critica a xestión da Xunta neste proceso.

O deputado do BNG na Deputación de Ourense, Xosé Manuel Puga, adverte de que “A Xunta prometeu axudas suficientes e rápidas, pero nove meses despois aínda hai arredor de mil solicitudes sen resolver”, nun contexto que cualificou de “absoluta deixadez” por parte do Goberno galego.

Segundo os datos achegados, das 1.550 solicitudes rexistradas en Galicia, 1.358 corresponden á provincia de Ourense. No mes de marzo de 2026, estaban aprobadas 297 solicitudes e pagadas 233, o que supón arredor dun 15% do total, mentres que máis de 1.000 continúan en tramitación.

Puga criticou tamén que as axudas activadas pola Xunta a través do Decreto 76/2025 foron “insuficientes, tardías e excesivamente burocráticas”, o que, segundo indicou, obrigou a moitas familias a recorrer a créditos ou apoio externo para poder manter a súa actividade.

A iniciativa do BNG reclama á Xunta que axilice a resolución dos expedientes e faga efectivos os pagos pendentes, así como que se traslade este acordo á Consellería do Medio Rural.

O deputado nacionalista sinalou ademais que a administración autonómica non adoptou medidas suficientes para evitar situacións similares no futuro e cuestionou o estado das actuacións anunciadas en materia de prevención de incendios. “Podemos ir a calquera núcleo rural dos 87 concellos ourensáns de menos de 10.000 habitantes e comprobar que non se fixo absolutamente nada. Seguimos exactamente igual ou peor ca hai un ano”, afirmou.

Puga tamén criticou o funcionamento da comisión sobre os lumes creada na Deputación de Ourense, da que dixo que “naceu tarde, segue sen conclusións” e sen propostas concretas para a prevención de incendios.

Os incendios do verán de 2025 afectaron especialmente ás comarcas orientais de Ourense e calcinaron máis de 118.000 hectáreas segundo datos da Xunta, unha cifra que o sistema europeo Copernicus eleva a máis de 140.000.

O deputado tivo ademais palabras de recoñecemento para as persoas que participaron nos labores de extinción e unha mención especial aos mozos afectados polas consecuencias do incendio de Oímbra.

Na súa condición de concelleiro no Concello de Ourense, Puga foi preguntado tamén pola situación política municipal. Neste sentido, afirmou que o BNG está centrado en “construír unha alternativa seria e rigorosa para a cidade” e que tanto PP como PSOE deben resolver as súas propias discrepancias.

0.38576793670654