O BNG esixe publicar o protocolo contra o acoso no servizo do fogar e a guía de prevención laboral

A senadora do BNG, Carme da Silva, urxirá ao Goberno do Estado a publicar de maneira inmediata o protocolo de actuación fronte ás situacións de violencia e acoso no servizo do fogar, así como a guía técnica de prevención de riscos laborais neste ámbito.
Segundo denuncia a representante nacionalista, estas ferramentas estaban previstas no Real Decreto 893/2024 e deberían terse aprobado nun prazo máximo dun ano, que xa foi superado sen que se produza o seu desenvolvemento.
Da Silva lembra que este decreto supuxo un avance na mellora das condicións laborais das traballadoras do fogar, pero advirte de que a falta de aplicación destas medidas deixa “sen protección efectiva a milleiros de mulleres nun sector especialmente vulnerábel”.
Neste sentido, subliña que o emprego doméstico continúa marcado pola precariedade, a feminización e a falta de garantías en materia de seguridade e saúde laboral, polo que considera imprescindible contar cun protocolo específico fronte ao acoso e unha guía clara de prevención.
A senadora formulará preguntas orais ao secretario de Estado de Traballo na Comisión correspondente do Senado para demandar explicacións e reclamar celeridade na publicación destes instrumentos.
“O Goberno non pode permitir que unha norma que naceu para mellorar a vida das traballadoras do fogar fique a medio desenvolver”, afirmou Da Silva, quen reclama un compromiso real cun colectivo “historicamente esquecido”.