O BNG inicia unha ofensiva para reclamar as competencias pendentes de Galicia e avanzar nun novo status político

Ana Pontón asegura que o obxectivo é elaborar un documento competencial para presentar nas institucións e ante a cidadanía fronte ao que considera “inacción” do Goberno do PP
ponton-fundacion-galiza-sempre. jpg
11 Jul 2026

O BNG iniciou un proceso de traballo para reclamar a transferencia das competencias pendentes de Galicia e avanzar cara a un novo status político. A formación nacionalista anunciou esta ofensiva no marco dunha xornada de traballo organizada polo BNG e pola Fundación Galiza Sempre, na que participou a portavoz nacional, Ana Pontón, xunto cun panel de persoas expertas.

Pontón definiu este obxectivo como unha “tarefa de País imprescindible” e asegurou que o Bloque toma a iniciativa ante a falta de avances do Goberno galego. A intención da formación é acadar todas as transferencias pendentes recollidas no Estatuto de Autonomía de 1981, as aprobadas polo Parlamento galego e aquelas competencias das que xa dispoñen as outras dúas nacións históricas.

A portavoz nacional do BNG acusou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de “boicotear” o autogoberno galego e afirmou que esta situación provoca que Galicia quede por detrás de Euskadi e Cataluña. “Quero dicilo claro e con todas as letras: Rueda está boicoteando o autogoberno de Galiza, facendo que quedemos por detrás de Euskadi e Cataluña, as outras nacións históricas, e como último exemplo dese boicot está o vergoñento voto en contra da transferencia da AP-9”, sinalou.

Segundo explicou Pontón, durante os 17 anos de Goberno do PP en Galicia só se acadou unha nova competencia, fronte ás 31 de Euskadi e as 16 de Catalunya. “É que agora Rueda da un paso máis boicoteando o autogoberno e actuando como abandeirado do centralismo”, afirmou.

Neste sentido, o BNG defendeu que a reclamación de máis competencias non responde a un debate “esencialista”, senón á necesidade de contar con ferramentas para mellorar a vida da cidadanía. “Estamos falando das cousas de comer, porque as competencias son a ferramenta para mellorar a vida dos galegos e das galegas, decidindo nós sobre o noso, en lugar de que decidan por nós e en contra de nós desde Madrid, como pasa agora con todas as implicacións que iso ten”, indicou Pontón.

A líder do Bloque puxo como exemplo as competencias que xa teñen Euskadi e Catalunya e das que Galicia carece. “Somos a única nacionalidade histórica sen competencias en materia de tráfico, sen policía propia, sen un sistema de tren de proximidade e que agora imos quedar sen representación na UNESCO. Non existe ningún argumento legal que xustifique que quedemos exerzan esas competencias e Galiza non”, destacou.

Pontón tamén reclamou avanzar cara ao recoñecemento dun Estado plurinacional no que Galicia poida decidir sobre os seus propios asuntos. “No que existen nacións como Galiza que teñen o dereito e a necesidade de poder decidir sobre si mesmas para avanzar e mellorar a vida da xente. E non nos cansaremos de dicilo, Galiza é unha nación”, proclamou.

A proposta do BNG inclúe, ademais da reclamación das competencias pendentes, a creación dun novo marco político e institucional que lle permita a Galicia ter maior capacidade de decisión. “Resulta imprescindíbel unha reformulación do status político de Galiza e da súa relación co Estado español, desde o pleno recoñecemento a realidade nacional de Galiza e do pobo galego como suxeito político titular de soberanía. Non é un capricho, é o noso dereito e imos exercelo recollendo o legado dos que nos precederon”, explicou Pontón.

Durante a xornada de traballo, o BNG abordou tamén a necesidade de ampliar a súa base social e electoral para avanzar neste obxectivo. Pontón sinalou que é “imprescindible para dar pasos adiante e poder defender Galicia de xeito efectivo non momento tan complexo e cheo de incertezas”.

Como exemplo da mobilización social, referiuse ao arquivo do proxecto de Altri, que cualificou como unha “batalla ganada co arquivo do proxecto de ALTRI, unha vitoria do pobo galego, aínda que estaremos atentas para que non intenten resucita esta macropasteira contaminante”.

O BNG traballa agora coa participación dun amplo panel de expertos e expertas para realizar unha análise das competencias pendentes do Estatuto, das aprobadas polo Parlamento galego e das que xa asumiron as outras nacións históricas.

O resultado deste proceso será un documento competencial actualizado, a modo de libro branco competencial, que a formación presentará nas institucións e ante a cidadanía como primeiro paso antes de formular unha proposta de novo status político para Galicia.

0.27745985984802