O BNG leva á Comisión Europea as alegacións sociais e "problemas medioambientais" das minas de Touro e Doade

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, leva a Bruxelas os incumprimentos en materia de sostibilidade ambiental e social, os criterios ESG que forman o terceiro requisito dentro da Lei de Materias Primas Críticas para que a Comisión Europea outorgue a condición de Proxecto Estratéxico, das minas de Touro-O Pino, entre estes dous concellos coruñeses, e de Doade, no concello ourensán de Beariz.
Nun encontro este martes cos máximos responsables sobre proxectos estratéxicos da Dirección Xeral de Mercado Interno, Industria, Emprendendos e PeMes, da Comisión Europea, Ana Miranda explicou que a mina de Touro-O Pino fora rexeitada pola propia Xunta de Galiza ao non contar co permiso ambiental e que agora o Goberno galego debe avaliar de novo todo o proceso sobre a súa autorización. A representante do Bloque tamén presentou a avaliación medioambiental negativa dos expertos independentes no 2025 para a mina de Doade.
“Estas deficiencias amosan que os proxectos non cumpren coas garantías medioambientais necesarias para contar coa categoría de Proxecto Estratéxico por parte da Comisión Europea”, explica Ana Miranda, “e agora sabemos, despois de reunirnos cos responsables da Comisión, que non contaron con toda a información para adoptar a decisión de hai uns días”.
A reapertura da mina de Touro-O Pino afectaría a preto de 200 explotacións agrícolas e gandeiras que se atopan na súa contorna e mesmo debaixo da montaña desa mina, ao contaminar ás augas superficiais e soterradas necesarias para a viabilidade destas explotacións. A eurodeputada do BNG expuxo as 1.500 alegacións da veciñanza e colectivos locais, principalmente, contra ese proxecto extractivo.
“A Xunta do Goberno do Partido Popular e o seu presidente, o Sr. Rueda, veñen a Bruxelas con palabras baleiras sobre os fondos europeos mentres dende o BNG denunciamos este extractivismo que afecta ao noso medio rural, onde se sofre un proceso de despoboamento, e contamina os sectores produtivos das comunidades locais”, denuncia Ana Miranda.
En marzo, os responsables da Comisión Europea adiantaron á eurodeputada do BNG que farán unha nova avaliación sobre os proxectos estratéxicos de materias primas críticas. Ana Miranda enviará ao executivo comunitario en próximas xornadas a documentación “que a Xunta do Sr. Rueda e o Goberno do Estado español non aportaron en materia de sostibilidade e protección medioambiental e sobre o criterio de respaldo social”, para que Bruxelas conta con toda a información ao analizar as minas de Touro-O Pino e Doade.