O BNG leva ao Parlamento as demandas da comunidade educativa do CEIP Vista Alegre

O deputado mariñao do BNG, Daniel Castro, e o tenente de alcaldesa e concelleiro de Educación de Burela, Mario Pillado, mantiveron este mércores unha reunión coa comunidade educativa do CEIP Vista Alegre para coñecer de primeira man a situación de deterioro que presenta o colexio e analizar as demandas trasladadas por familias, profesorado e representantes do centro.
No encontro participaron a presidenta da ANPA, Sara Calvo, e o director do centro, José Manuel Díaz Cabado, quen expuxeron diferentes problemáticas relacionadas co estado das instalacións e a necesidade de acometer actuacións urxentes. Nas últimas semanas, a comunidade educativa protagonizou distintas mobilizacións para reclamar melloras e pedir unha resposta rápida por parte da Xunta de Galicia.
Desde o BNG anunciaron que asumirán estas reivindicacións e as trasladarán ao Parlamento galego. Daniel Castro explicou que entre as principais peticións figura a realización dunha rehabilitación integral do edificio, así como a inclusión do CEIP Vista Alegre nos plans de investimento da administración autonómica.
Entre as deficiencias detectadas destacan a falta de accesibilidade, coa ausencia de ascensores e a existencia de barreiras arquitectónicas, ademais de problemas de humidades en muros e teitos, instalacións antigas e a necesidade de melloras en eficiencia enerxética. Segundo trasladaron desde a dirección e a ANPA, o inmoble conserva elementos e materiais propios da década dos oitenta que presentan un notable deterioro.
Outra das demandas formuladas durante a reunión foi a cobertura do patio exterior, unha actuación que permitiría mellorar os espazos de lecer e actividade do alumnado nos días de choiva.
Daniel Castro asegurou que “é evidente que este centro necesita unha rehabilitación integral” e avanzou que o Bloque solicitará no Parlamento medidas concretas para atender esta situación “o antes posible”.
Pola súa banda, Mario Pillado lembrou que a solicitude de reunión realizada hai case dous anos coa dirección provincial de Educación continúa sen resposta. Ante esta situación, anunciou que vén de pedir un encontro coa Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para abordar non só a situación do CEIP Vista Alegre, senón tamén a doutros centros educativos de Burela que presentan problemáticas semellantes.
O concelleiro nacionalista criticou ademais que, malia os anuncios de investimentos educativos realizados pola Xunta para distintos puntos da provincia e da comarca, “esas actuacións nunca acaban chegando a Burela”.