O BNG levará ao Pleno as súas propostas para a crise da vivenda, da que culpa ao PP

Rodil lembra que Rueda prometeu 1.800 vivendas para alugueiro social en 2026 pero tan só hai 98 pisos entre os de Lamas de Abade e Valdecorvos
olalla-rodil-parlamento-galicia
30 Sep 2026

A carestía da vida e o dereito á vivenda centrarán a axenda do BNG no vindeiro Pleno do Parlamento, no que a portavoz nacional, Ana Pontón, preguntará ao presidente da Xunta polas medidas que vai adoptar para combater a crise habitacional que o mesmo Goberno do PP promoveu durante os seus dezasete anos de goberno.

Así o adiantou a viceportavoz do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, quen denunciou que “se non hai vivenda para atender as necesidades sociais é porque o PP na Xunta (que ten as competencias exclusivas) paralizou a construción de vivenda neste País”. “Nin unha soa vivenda protexida para alugueiro social nos anos 2015, 2016, 2017, 2019 e 2021. Tan só unha en 2028, 11 en 2020 e 3 en 2022”, asegurou, para remarcar que “agora inúndanos a propaganda, pero a vivenda non se constrúe con anuncios”.

Afondando nesta cuestión, salientou a realidade é que o Goberno de Rueda prometeu 1.800 vivendas en alugueiro para este ano e, a tres meses de que remate 2026, a Xunta tan só fixo 98 pisos en Lamas de Abade (Santiago) e Valdecorvos (Pontevedra).

“A xente deste País merece seriedade e unha política de vivenda á altura da situación de emerxencia habitacional na que nos atopamos”, engadiu a viceportavoz no Parlamento do BNG, que no próximo Pleno interpelará tamén á conselleira de Vivenda, aproveitando o debate para poñer enriba da mesa algunhas propostas concretas, xa avanzadas por Pontón.

Entre estas, a declaración de zonas tensionadas en todos os concellos que cumpran cos requisitos, que a Xunta compre toda a vivenda protexida que se poña á venda, un plan de compra masiva de inmobles baleiros (hai 90.000 só nas cidades) ou a regulación e limitación do uso e a extensión das vivendas de uso turístico.

A deputada do BNG incidiu, neste punto, en que a vivenda converteuse nos últimos anos “no principal factor de exclusión social”, e criticou que o PP de Rueda pretenda “mirar para outro lado” cando “hai unha presión e unha mobilización social que exixe aos gobernos frear a especulación para convertela nun dereito fundamental e non nun enorme aspirador de rendas”.

Diante da elevada carestía da vida, nun momento no que a inflación está “polas nubes” sobre todo polo aumento desorbitado dos prezos dos carburantes, o BNG levará tamén ao próximo pleno unha iniciativa (PNL) na que propón un plan dotado con 400 millóns de euros con medidas para apoiar os sectores do agro e a pesca, e que contempla tamén axudas específicas para os profesionais autónomos, a actualización das axudas ás persoas vulnerábeis conforme o IPC ou a ampliación de gratuidades e bonificacións no transporte público interurbano e de competencia galega.

De maneira específica, o grupo do Bloque defenderá, a través de outra iniciativa, a activación de axudas para o sector pesqueiro, especialmente afectado polo encarecemento dos combustibles. “Hai moitas embarcacións da frota galega que están amarrando días porque non gañan o suficiente para cubrir nin tan sequera os custos”, destacou Rodil. En agosto, lembrou, o prezo do gasoil pesqueiro xa subiu por riba do euro en Galiza, superando nun 57 % o prezo anterior á guerra en Irán.

É por iso que o Bloque pedirá no Pleno medidas tanto ao Goberno do Estado (revisión dos baremos de compensación ou actuacións urxentes de compensación económica que palíen os amarres e paros) como á Xunta (axudas directas ao sector ou aprobar de xeito inmediatos e con efectos retroactivos desde marzo a exención, cando menos, das taxas portuarias por pesca fresca).

Entre as iniciativas nacionalistas para o Pleno da próxima semana figura tamén unha pregunta ao conselleiro de Emprego, que terá que dar explicacións sobre os “chanchullos” da súa familia en Casal de Armán “tanto na explotación de inmigrantes na vendima como nas ilegalidades urbanísticas que violan a lei de Patrimonio de Galiza”, apuntou Rodil.

Referiuse, así, á nave de Casal de Armán destinada a salón de eventos sobre a que pesa unha orde de derrubamento desde hai dez anos pero que, a día de hoxe, segue sendo usada para facer negocio “coa conivencia e complicidade da Xunta do PP, que parece que é o gran parapeto dos chanchullos da familia do conselleiro”.

*Lingua: o PSOE apuntala o decreto da vergoña*

Na rolda de prensa posterior á Xunta de Portavoces, a deputada nacionalista confirmou que o Bloque presentará as súas propostas para o Plan de Normalización Lingüística e insistiu en que a reforma presentada polo PP e avalada polo PSOE, é un “catálogo de rebaixas” respecto ao plan de 2004.

“Vai marcha atrás cando deberiamos ir cara adiante na protección da lingua galega”, sostivo Rodil, para quen o pacto anunciado por populares e socialistas é “unha absoluta vergoña e unha indecencia” que non garante más espazo ao galego, ao que PSOE e PP “sempre lle poñen límites”. “O único que fan é obrigar aos centros a ter que escoller entre dar na nosa lingua Matemáticas ou Historia”. “É como se nos dan a elixir entre cortar un brazo ou unha perna”.

A través das súas propostas, o BNG volverá defender que o primeiro paso para reverter a situación actual do galego, a emerxencia lingüística, é derrogar toda a normativa que prohibe a aprendizaxe e o uso normalizado da lingua propia do País, a comezar polo decreto da vergoña "que o único que fixo o PSOE co seu pacto foi avalar e apuntalar”.

0.36141896247864