O BNG pide máis forza en Madrid para que Vigo saia do bucle de "promesas e incumprimentos"

Carme da Silva subliña que é fundamental trasladar ao país o centro de análise, planificación e decisión sobre as infraestruturas
bng-vigo-carme-da-silva
19 Nov 2026

“Vigo ten que saír do bucle de promesas, incumprimentos, promesas, retrasos, promesas, incumprimentos... no que leva metida a cidade durante máis dun cuarto de século”. Así de tallante amosouse hoxe en Vigo a candidata do BNG ao Congreso Carme da Silva sobre as necesidades en materia de infraestruturas, poñendo sobre a mesa o compromiso do Bloque de esixir e impulsar actuacións estratéxicas de mobilidade referidas a estradas, tren, aeroporto e porto. A nacionalista subliñou que é fundamental trasladar ao país o centro de análise, planificación e decisión sobre as infraestruturas e non conformarse con maquillaxes ante agravios históricos que seguen sen resposta.

A cabeza de lista fixo estas declaracións tras participar nun encontro interparlamentar acompañada polo voceiro municipal, Xabier P. Igrexas, e representantes do grupo municipal e do Parlamento galego no que a organización nacionalista puxo en común a súa ofensiva política para “petar sobre a mesa” e reclamar solucións. Salientou que todas as infraestruturas deben planificarse desde unha visión de conxunto, intermodal e conectada coas necesidades sociais e económicas de Galiza, incluídas as relacións con Portugal.

A candidata puxo como exemplo máis evidente da falta de compromiso do Estado con Vigo a saída sur ferroviaria. Lembrou que o primeiro estudo desta conexión empeza no ano 2000 e, 26 anos despois, segue sen estar concluído. “As conexións de Vigo con Portugal, e polo tanto de toda Galiza co país veciño, son estratéxicas para nós, pero non o son para Madrid”, denunciou, incidindo en que o centro de decisión das infraestruturas do Estado continúa situado na capital española, afastado da realidade e das prioridades galegas.

Neste sentido, reivindicou a necesidade de contar cun BNG con máis forza no Congreso para que Vigo poida decidir sobre as infraestruturas que precisa e non teña que conformarse co que se planifica desde Madrid. “É unha cuestión de peso político, de trasladar o centro de análise e planificación das necesidades a Vigo e tamén a capacidade de decisión”, afirmou.

Outro dos grandes compromisos que o Bloque levará ás Cortes é a implantación dun verdadeiro servizo ferroviario de proximidade para Vigo e toda a área de Vigo-Pontevedra. Da Silva lembrou que foi o BNG quen conseguiu introducir esta reivindicación na axenda política e de transportes do Estado e comprometeuse a seguir presionando para que sexa unha realidade na próxima lexislatura. “Non nos podemos conformar con maquillaxes, con incrementar minimamente as frecuencias ou con ofrecer billetes de media distancia e cambiarlles o nome. Esiximos un servizo de proximidade que responda realmente ás necesidades de mobilidade dunha área urbana desta dimensión”, subliñou.

A ofensiva nacionalista inclúe tamén o impulso do transporte ferroviario de mercadorías, a súa conexión con Portugal e a integración das diferentes infraestruturas loxísticas. Da Silva advertiu de que non é posible avanzar na descarbonización do transporte sen ofrecer alternativas ferroviarias reais ao traslado de mercadorías por estrada. “Hai que sacar camións das estradas e contar cun transporte ferroviario adecuado ás necesidades produtivas e loxísticas de 2026”, defendeu.

No ámbito aeroportuario, o BNG reclama un plan integral de dinamización de Peinador que permita potenciar a súa capacidade como nodo de transporte de pasaxeiros e mercadorías, mellorar as conexións e garantir unha ligazón adecuada co porto e co transporte público. A candidata incidiu en que non ten sentido contar cun aeroporto estratéxico para toda esta área se non dispón de conexións públicas que permitan acceder a el e desprazarse desde el. Así mesmo, defendeu unha planificación coordinada dos tres aeroportos galegos fronte á competencia localista, para que funcionen como un verdadeiro sistema aeroportuario ao servizo do país.

A respecto do porto, Da Silva lembrou que Vigo é unha cidade inseparable do mar e da súa actividade portuaria, polo que reclamou o recoñecemento de Vigo como porto nodal, a súa integración no corredor atlántico de mercadorías e unha conexión ferroviaria que permita avanzar na intermodalidade e na descarbonización do transporte. “O porto é unha infraestrutura fundamental para Vigo e ten que recibir o tratamento que lle corresponde pola súa importancia económica e produtiva”, sinalou.

A candidata chamou a aproveitar a cita electoral do 29N para frear a involución e reforzar a presenza galega nas institucións do Estado. “Quen queira que Galiza conte, que os problemas de comunicación e mobilidade desta área teñan unha voz forte que os defenda en Madrid pode confiar no BNG”, afirmou. Un chamamento a apoiar o equipo da casa, capaz de coñecer de primeira man as necesidades do territorio e de defendelas sen subordinar os intereses de Vigo e de Galiza ao centralismo madrileño.

Pola súa banda, o voceiro municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, destacou que o encontro interparlamentar serviu para coordinar a acción política das representantes nacionalistas nas distintas institucións e reforzar a ofensiva para reclamar a atención que merece a maior cidade de Galiza. Igrexas incidiu en que o voto ao BNG o 29 de novembro será “un voto firme para defender de verdade os intereses de Vigo en Madrid”, cunha axenda propia que sitúe no centro a mellora das conexións ferroviarias, a potenciación de Peinador e o impulso do porto.

0.50795078277588