O BNG pide que se faga un acordo galego ante a “ameaza” do convenio estatal de grandes cadeas de comercio

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reclama que a Xunta de Galiza promova un acordo marco en Galiza ante a “ameaza” do convenio estatal de grandes cadeas no sector do comercio téxtil e de calzado. Demanda con iniciativas no Parlamento galego que se reúna coas centrais sindicais en folga (CIG e UGT) para promover mecanismos que blinden as condicións laborais dos actuais convenios provinciais.
A deputada do BNG no Parlamento galego, Carmela González, trasladou este luns en Vigo o apoio ás reivindicacións das traballadoras, durante unha xuntanza coa secretaria nacional de CIG-Servizos, Transi Fernández, e delegadas sindicais do sector. “O acordo negociado en Madrid vai supoñer un recorte de dereitos e unha maior precariedade nas condicións laborais”, criticou.
González advertiu de que o preacordo entre a patronal ARTE e os sindicatos CCOO e Fetico para un convenio estatal do sector afectará a 40.000 traballadoras e traballadores en Galiza, a pesar de que contan na actualidade con convenios provinciais “moi consolidados”. No caso da provincia de Pontevedra, sinalou, trátase do marco laboral coas mellores condicións de todo o sector no Estado español.
A deputada nacionalista asegurou que o convenio estatal vaise traducir na conxelación salarial “de facto” de todo o persoal do sector, e en peores condicións para as novas persoas contratadas. E tamén en recortes nas medidas de conciliación, reducións no caso de baixas laborais e en días de permiso. “Vai ser unha fonte de conflitos, coa posibilidade de despedimentos e presión á baixa nas condicións de todo o persoal”, alertou.
Dende o Bloque insistiron na necesidade de que a Xunta interveña ante esta “ameaza” e que Galiza quede fóra do ámbito de aplicación do convenio estatal, tal e como xa acordou Euskadi. “O Goberno de Rueda ten que implicarse activamente para defender as condicións laborais de milleiras de traballadoras”, remachou González.