O BNG pide un resultado histórico o 29N para reforzar a voz de Lugo e Galicia no Congreso

Ana Pontón chamou a concentrar o voto na formación nacionalista para gañar peso político en Madrid, mentres que a cabeza de lista por Lugo, Olalla Rodil, reivindicou a necesidade dunha representación propia para defender os intereses do interior galego
peche campaña BNG Santiago 29N
27 Nov 2026

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pechou este venres a campaña electoral en Santiago de Compostela cun chamamento a concentrar o voto na formación nacionalista nas eleccións xerais do 29 de novembro e conseguir un "resultado histórico" que permita a Galicia ter máis peso político no Congreso. No mitin, celebrado no Auditorio de Galicia xunto ás cabezas de lista das catro provincias, pediu unha mobilización masiva nas urnas baixo a consigna "Votemos como galegos e galegas".

Pontón defendeu que un maior apoio ao BNG permitirá reclamar un trato xusto para Galicia, avanzar en dereitos e conseguir solucións aos problemas da cidadanía. "Concentremos o voto no BNG, votemos como galegos e galegas, con orgullo de País, para ter peso político no Estado e para mellorar a vida da xente", proclamou.

A portavoz nacional asegurou que cada escano que consiga a formación nacionalista será un menos para a dereita e insistiu en que o 29N é unha oportunidade para frear a discriminación que, segundo denunciou, Galicia sofre pola alternancia dos grandes partidos estatais.

A candidatura do BNG está encabezada por Néstor Rego na Coruña, Carmela da Silva en Pontevedra, Olalla Rodil en Lugo e Noa Presas en Ourense. Pontón pediu que ninguén quede na casa e reivindicou a papeleta nacionalista como a opción das persoas que defenden o rural, o mar, o acceso á vivenda, os dereitos laborais, o feminismo e a lingua galega.

Pontón critica a Feijóo e reclama máis investimento nos servizos públicos

Durante a súa intervención, Ana Pontón dirixiu tamén críticas ao líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, ao que acusou de manter unha traxectoria de políticas machistas durante a súa etapa á fronte da Xunta. A portavoz nacional lembrou as polémicas relacionadas cos servizos de información ás mulleres, as axudas ás vítimas de violencia de xénero e o financiamento público dun centro antiabortista.

" As mulleres non imos permitir nin un paso atrás e imos defender os nosos dereitos coa papeleta do BNG", afirmou.

Pontón tamén situou a defensa dos servizos públicos e da clase traballadora entre as prioridades da formación. Criticou o gasto militar do Goberno central e asegurou que, mentres se destinan recursos a defensa, faltan investimentos para ámbitos como a sanidade, a educación, a atención á dependencia e a vivenda.

A portavoz nacional cuestionou igualmente o modelo centralista do Estado e advertiu da concentración da riqueza en Madrid. Como exemplo, referiuse ao sector eléctrico e denunciou que as grandes compañías obteñen beneficios mentres milleiros de persoas en Galicia teñen dificultades para quentar os seus fogares.

"Neste Estado, ou te fas valer, ou o centralismo madrileño arrástranos", afirmou, antes de insistir na necesidade de reforzar a representación do BNG no Congreso.

Olalla Rodil pide concentrar o voto do BNG na provincia de Lugo

Pola súa banda, a cabeza de lista do BNG ao Congreso por Lugo, Olalla Rodil, pediu o apoio das persoas que aínda teñen dúbidas sobre o seu voto e defendeu que a formación nacionalista pode ser decisiva para garantir unha maior representación da provincia en Madrid.

"O voto para o BNG na circunscrición electoral de Lugo vai ser a chave para ter a representatividade que a provincia precisa na voz do BNG", asegurou.

Rodil tamén advertiu da importancia de evitar que a dereita e a extrema dereita cheguen ao Goberno central e reivindicou o traballo realizado durante a campaña electoral, na que a candidatura percorreu as diferentes comarcas lucenses.

A candidata insistiu en que tanto Lugo como Ourense precisan unha voz propia e forte no Congreso para defender cuestións fundamentais para os seus habitantes, especialmente aquelas relacionadas coas necesidades do interior galego.

A defensa dos dereitos das mulleres foi outro dos eixes da súa intervención. Rodil pediu ás lucenses que concentren o voto no BNG como garantía, segundo indicou, dunha vida digna e libre de violencias. "O futuro estará na papeleta do BNG e así poderemos avanzar todas e todos nuns dereitos que perigan a partir deste domingo", concluíu.

1.8582849502563