O BNG reclama á Xunta que volva incluír os campamentos municipais no Bono Concilia Familia

A formación nacionalista denuncia falta de previsión e transparencia tras o cambio das condicións da convocatoria e pide que as familias que xa pagaron estas actividades poidan acceder á axuda
campamento-nenos-xogar-1
15 Aug 2026

O BNG denuncia a falta de transparencia e previsión da Xunta de Galicia no programa Bono Concilia Familia despois de que o Goberno galego modificase a mediados do verán as condicións da convocatoria para deixar fóra os campamentos organizados polos concellos.

A portavoz de Infancia e Familia do BNG no Parlamento Galego, Ariadna Fernández, alerta de que esta decisión está a xerar incerteza entre numerosas familias que inscribiron as súas crianzas nos campamentos municipais contando coa posibilidade de solicitar posteriormente esta axuda.

Segundo explica a formación nacionalista, distintos concellos informaran as familias desa posibilidade e agora están a facilitarlles os xustificantes de pagamento e asistencia necesarios para tramitar a solicitude do Bono Concilia Familia.

“A exclusión dos campamentos municipais do Bono Concilia Familia non é máis ca unha nova volta de torca aos concellos e aos servizos públicos por parte da Xunta de Galiza e da Consellería de Política Social”, sinala Fernández.

O BNG considera que a falta de publicación das bases definitivas da convocatoria de 2026 e de información previa tanto ás familias como aos concellos evidencia unha “mala xestión e pouca consideración” por parte do Goberno do PP.

A formación nacionalista destaca ademais que a exclusión afecta ás actividades de conciliación organizadas polos propios concellos, mentres que as promovidas por entidades privadas ou sociais permanecen dentro do programa. Para Fernández, isto supón establecer unha diferenza en función da entidade que organiza cada campamento.

“A Xunta de Galiza está a establecer unha diferenza en función de quen organizada o campamento, penalizando as familias que escollen o recurso público municipal, que en moitos casos é a alternativa máis accesible economicamente e cunha cobertura territorial máis ampla”, sinala a deputada.

O BNG esixe á Xunta que aclare os criterios técnicos e económicos empregados para modificar as condicións da convocatoria e explique as razóns polas que os campamentos municipais quedan fóra do programa. Tamén reclama que se publiquen de inmediato as bases definitivas do Bono Concilia Familia e que se especifique de maneira clara que actividades poden beneficiarse destas axudas.

“Se a Xunta quería cambiar as condicións do programa, tiña que informar con suficiente antelación ás familias e aos concellos. Non pode trasladar agora as consecuencias dun cambio de criterio ás persoas que xa pagaron os campamentos”, subliña Fernández.

Por este motivo, o BNG pide que se elimine a exclusión dos campamentos municipais e que as familias que xa aboaron estas actividades durante os meses de xuño e xullo poidan acceder ao Bono Concilia Familia nas mesmas condicións que as persoas que escolleron actividades privadas ou organizadas por outras entidades.

0.26584506034851