O BNG reclama á Xunta un modelo turístico máis sostible e diversificado para Galicia

A portavoz de Turismo do BNG no Parlamento galego, Saleta Chao, reclamou este domingo, coincidindo co Día Mundial do Turismo, un cambio na política da Xunta para avanzar cara a un modelo turístico máis sostible, diversificado e adaptado aos retos actuais.
A deputada nacionalista defende que esta planificación debe construírse en colaboración cos concellos e aproveitar as potencialidades de Galicia para xerar actividade económica e emprego. Chao lembra que o turismo representa máis do 10 % do PIB galego e xera milleiros de postos de traballo.
A proposta do BNG pasa, segundo explica Chao, por abandonar o que cualifica como modelo ‘low cost’ e a política do PP centrada, ao seu xuízo, en incrementar o número de visitantes sen avaliar suficientemente os seus efectos. A formación considera necesario analizar os fluxos turísticos e as repercusións sobre os servizos públicos, o mercado da vivenda, as vilas e cidades e os recursos naturais.
Entre as medidas formuladas polo Bloque figura un acordo cos concellos que permita facilitar a aplicación do imposto ás estadías turísticas nos municipios que decidan implantalo e que non dispoñan de capacidade recadadora. O BNG tamén propón estudar os custos adicionais que a actividade turística xera nas administracións locais para valorar posibles medidas fiscais ou outros mecanismos de compensación.
A formación aposta igualmente por aprobar unha nova lei de turismo de Galicia que substitúa a actual, en vigor desde 2011, e que estea adaptada ás necesidades actuais. A proposta contempla ademais unha política transversal que conecte o turismo con outras áreas de planificación e vertebración territorial, como a mobilidade e a vivenda.
Outra das medidas expostas por Saleta Chao é ampliar as competencias da Xunta no ámbito estatístico relacionado co turismo e reclamar ao Goberno estatal os recursos económicos necesarios para reforzar a actuación da Administración autonómica nesta materia.
No ámbito da promoción, o BNG propón revisar o actual modelo de patrocinio de eventos puntuais da Xunta e impulsar unha oferta cultural máis descentralizada e distribuída ao longo do ano.
“Precisamos apostar por enriquecer o circuíto cultural galego para garantir unha oferta descentralizada e desestacionalizada, cunha política cultural activa e como dereito fronte aos actos efémeros que promoven a cultura como ben de consumo en eventos de gran tamaño”, concluíu Saleta Chao.