O BNG reclama ao Estado máis seguridade no ferrocarril e lembra os riscos dun tramo da Coruña

O BNG reclama ao Goberno do Estado actuacións urxentes para reforzar a seguridade no tramo ferroviario situado nas proximidades da ría do Burgo, na Coruña. A formación nacionalista pon o foco nas zonas dos Castros, As Xubias e A Pasaxe, onde considera necesario actuar para reducir os riscos para a veciñanza.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama especialmente a reparación do paso elevado que cruza sobre as vías, que presenta, segundo denuncia, un importante deterioro e problemas de oxidación. Parte da estrutura permanece precintada e conta con elementos provisionais.
A formación tamén pide completar os peches da infraestrutura ferroviaria nos puntos nos que presentan deficiencias e estudar a creación de novos pasos peonís seguros e sinalizados.
Segundo explica o BNG, a zona conta con vivendas e terreos de cultivo a ambos lados das vías e soporta un importante tránsito diario de persoas que se desprazan cara ao CHUAC e outras instalacións da contorna.
Reclaman medidas tras varios accidentes
Rego lembra que desde 2016 se rexistraron, segundo os datos facilitados pola formación nacionalista, seis falecementos de persoas atropeladas por trens neste ámbito.
O deputado sinala ademais que en novembro de 2025 o Goberno estatal xa indicara que as actuacións para a reposición e execución dos peches da rede ferroviaria convencional estaban en fase de planificación. O BNG considera que os meses transcorridos sen avances suficientes xustifican a necesidade de concretar os prazos.
Por iso, a formación reclama ao Executivo que explique os motivos do atraso e estableza un calendario para executar as actuacións previstas.
O BNG tamén pide unha intervención inmediata no paso elevado e a habilitación de alternativas seguras para os peóns, co obxectivo de evitar que a veciñanza teña que cruzar polas vías ou utilizar infraestruturas que non reúnen, ao seu xuízo, as condicións adecuadas.