O BNG reclama forza nas Cortes para poder "enterrar definitivamente o franquismo"

“Alí onde estea o BNG haberá unha voz forte, unha voz firme e un compromiso decidido para que a verdade, a xustiza e a reparación estean no centro das políticas públicas. Franquismo nunca máis. Memoria sempre”. Esas foron as palabras da cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Carme da Silva, para reivindicar hoxe, 20 de novembro, unha presenza forte do nacionalismo galego nas Cortes para dar un impulso decidido ás políticas de memoria nun contexto no que medran os discursos reaccionarios, a involución democrática e a nostalxia da ditadura.
Da Silva advertiu de que 51 anos despois da morte de Franco “o franquismo segue totalmente incrustado nas institucións do Estado español”, e sinalou como exemplo unha monarquía herdada directamente do ditador. A cabeza de lista denunciou que o réxime do 78 e a Transición foron, entre outras cousas, “un pacto de silencio e esquecemento” que deixou intacta boa parte do aparato político, xudicial, policial e empresarial do franquismo, e que explica moitas das carencias democráticas que aínda persisten.
A candidata do BNG criticou que o Estado español conta cunha lexislación “tardía e insuficiente” que non deu resposta a unha parte importante das demandas do movemento memorialista, e con políticas públicas “mornas” que quedan no declarativo e no simbólico. Ademais, denunciou que a memoria democrática utilízase en ocasións para confrontar politicamente e beneficiarse electoralmente do medo social á involución en lugar de desenvolver medidas efectivas que garantan os dereitos das vítimas.
Fronte aos discursos reaccionarios da dereita e á insuficiencia das políticas desenvolvidas polo Goberno central, Da Silva defendeu que “é fundamental unha presenza forte do BNG no Congreso para darlle un impulso decidido ás políticas de memoria no Estado e enterrar definitivamente, esta vez si, o franquismo”. Afirmou que o nacionalismo galego será unha voz firme para que a recuperación da memoria non quede en declaracións de intencións, senón que se traduza en dereitos, reparación e garantías de non repetición.
O BNG, subliñou, comprometeuse a impulsar a derrogación dos apartados ‘e’ e ‘f’ da Lei de Amnistía que impiden avanzar na investigación e persecución dos crimes do franquismo, así como a modificar a Lei de Memoria Democrática para convertela nunha auténtica lei de dereitos das vítimas. A formación nacionalista tamén reclamará a declaración de ilegalidade dos consellos de guerra e a nulidade de pleno dereito das condenas ditadas por eles, incluída a condena a morte e o asasinato de Alexandre Bóveda na Caeira o 17 de agosto de 1936. Xunto a isto, defenderá a retirada efectiva da simboloxía franquista, a prohibición dos actos públicos de exaltación da ditadura e medidas reais no ámbito educativo, incluída a formación do profesorado en memoria democrática.
O Bloque esixirá tamén unha política memorialista con perspectiva de xénero que recoñeza integralmente as formas específicas de violencia exercidas contra as mulleres, o seu papel na resistencia e na transmisión da memoria, e que incorpore como vítimas do franquismo as mulleres represaliadas polo Patronato de Protección á Muller, que permaneceu activo até 1985. Así mesmo, reclamará revisar a declaración das illas de San Simón e San Antón como lugares de memoria para garantir que se preserve a súa centralidade como espazos de represión e resistencia e impedir usos que resulten ofensivos para as vítimas e as súas familias.
Da Silva destacou igualmente a reivindicación do BNG para que o pazo de Meirás sexa recoñecido como lugar de memoria centrado no espolio e nas vítimas do franquismo e transferido a Galiza, así como a recuperación dos bens espoliados por Franco, a súa familia e outros franquistas, entre eles a Casa das Cunchas, a Casa Cornide e o patrimonio espoliado en Mourente, en Pontevedra. O Bloque, dixo Da Silva, esixirá plans públicos dotados de orzamento suficiente para investigar, localizar, exhumar, identificar e dar enterramento digno ás vítimas desaparecidas, en colaboración coas familias e asociacións memorialistas, e garantirá o acceso aos arquivos mediante a revisión das normas que actualmente constitúen atrancos para a investigación.
A cabeza de lista denunciou tamén a actitude revisionista do Goberno galego e a súa negativa a desenvolver as competencias propias en materia de memoria democrática, así como actuacións que, ao seu xuízo, aldraxan a memoria das vítimas, como as que se están a producir na illa de San Simón.
“Para o BNG, a memoria democrática é unha obriga ética fundamental. Recuperar o pasado recente, reparar as vítimas e reivindicar os ideais polos que loitaron é imprescindible para construír unha sociedade mellor e un futuro en paz e liberdade”, concluíu.