O BNG reclama medidas urxentes para controlar a presenza de xabarís na contorna urbana de Lugo

Alexandre Penas advirte do incremento de avistamentos en Fingoi e Acea de Olga e pide ao Concello e á Xunta que actúen con rapidez e informen á veciñanza
xabaril-Fingoi-Lugo
22 Jul 2026

O concelleiro do BNG no Concello de Lugo, Alexandre Penas, instou ao Concello e á Xunta de Galicia a poñer en marcha "todas as medidas posibles" para controlar a presenza de xabarís na contorna urbana da cidade. A formación nacionalista asegura facerse eco da preocupación da veciñanza ante a proliferación destes animais, especialmente nas zonas de Fingoi e Acea de Olga, onde, segundo indicou o edil, xa se deixan ver mesmo durante o día.

Penas advertiu de que esta situación representa un risco para as persoas que residen e transitan por estes barrios, polo que considerou necesario actuar "de maneira inmediata" para evitar posibles incidentes.

Desde o BNG sinalan que a problemática afecta a unha parte importante da veciñanza de Lugo e reclaman tanto ao Goberno local como á Administración autonómica a adopción de medidas urxentes para controlar a presenza destes animais. "Esta actuación non pode demorarse máis", afirmou Alexandre Penas, quen insistiu en que "é necesario actuar con rapidez para garantir a seguridade das persoas que residen nestes barrios".

O concelleiro nacionalista subliñou ademais que os danos provocados polos xabarís en zonas urbanas son cada vez máis frecuentes e que tamén aumenta a presenza de mandas destes animais en distintos puntos da cidade, mesmo en horario diúrno. Por iso, reclamou ao Concello e á Xunta que informen á cidadanía das actuacións previstas e dos prazos nos que se aplicarán para reforzar a seguridade nas rúas de Lugo.

0.27977418899536