O BNG reivindica en Vigo a eliminación da simboloxía franquista como a cruz do Castro

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reivindicou este venres en Vigo o seu compromiso cara ás Eleccións Xerais de impulsar no Congreso a reforma da Lei de Memoria Histórica e pola eliminación definitiva de toda a simboloxía franquista. Neste 20 de novembro, a fronte nacionalista reafirmou o seu compromiso para “rachar coa impunidade da ditadura” e fronte á ameaza da coalición PP-Vox por “regresar a ese pasado escuro”.
O candidato do BNG ao Congreso, Roberto Pascual, chamou dende o monolito Fiestra á Liberdade, no barrio do Calvario, a combater este 29N nas urnas a quen “pretende branquear e romantizar a represión e a ditadura”. Estivo acompañado da eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, do portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, e de representantes da candidatura nacionalista.
Pascual defendeu a necesidade de “dar pasos firmes” pola xustiza e reparación, entre eles a modificación da Lei de Memoria para garantir a tutela xudicial efectiva para as vítimas do franquismo e as súas familias, a prohibición de actos públicos de exaltación da ditadura e avanzar na retirada definitiva de toda a simboloxía fascista.
Destacou como exemplo en Vigo a cruz do Castro, inaugurada polo propio ditador, da que o BNG xa reclamou durante a pasada lexislatura a súa inclusión no catálogo de vestixios do franquismo. “Non se pode pedir un voto progresista e manter simboloxía franquista”, afirmou, lembrando o acordo unánime no Pleno municipal en febreiro de 2006 que recoñecía este monumento como un símbolo franquista.
O programa nacionalista para o 29N propón tamén a revisión do acordo que declara a illa de San Simón, na ría de Vigo, como lugar de memoria democrática para impedir usos ofensivos ou que banalicen este espazo de represión e resistencia. “Non chega con poñer placas, temos que divulgar esa época de represión e falta de liberdades, en especial entre a mocidade”, subliñou Pascual.
A eurodeputada Ana Miranda chamou a combater co voto nestas Eleccións Xerais a “axenda de trumpismo internacional na que nos quere meter o PP cos seus aliados de Vox para regresar a un pasado escuro”, contrapoñendo “estes partidos do odio, da xenofobia e da exaltación fascista” coa papeleta do BNG.
“Estamos no lado contrario, na defensa das liberdades, dos dereitos, dos pobos e das linguas”, reivindicou Miranda, considerando que “hoxe máis que nunca cómpre dicir alto e claro: franquismo nunca máis”. Nesa liña, puxo en valor o traballo do Bloque en todas institucións pola memoria democrática -dende o Concello, pasando polo Congreso até o Parlamento europeo- para frear a “ese franquismo post-Franco”.