O BNG reivindica o seu papel clave na defensa do sector do mar e nos avances sociais acadados nas Cortes

O Bloque Nacionalista Galego celebrou un encontro coa veciñanza en Rianxo no marco da campaña “Co BNG, Galiza gaña”, no que puxo en valor o traballo realizado nas Cortes do Estado e os avances acadados en beneficio da cidadanía galega.
Durante o acto interviron o deputado no Congreso, Néstor Rego, e a concelleira en Rianxo, Sarela Betanzos, quen destacaron o papel “decisivo” da formación nacionalista na consecución de melloras sociais e económicas.
Avances sociais e dereitos laborais
Rego sinalou que medidas como a suba das pensións mínimas e non contributivas por riba do IPC forman parte dos compromisos acadados polo BNG no acordo de investidura, subliñando que contribúen a garantir unha vida digna ás persoas con menos recursos.
Tamén destacou o avance na ampliación dos permisos de paternidade e maternidade ata as 20 semanas —actualmente en 19— como un paso importante en materia de conciliación e igualdade.
Aposta polo sector do mar
O deputado nacionalista fixo especial fincapé no apoio ao sector pesqueiro galego, asegurando que “cada avance acadado leva o selo do BNG”. Neste sentido, explicou que se acordaron medidas específicas co Goberno do Estado para reforzar este ámbito estratéxico.
Entre elas, destacou a posta en marcha dun plan de formación pesqueira a bordo do buque-escola Intermares, orientado a facilitar o relevo xeracional e paliar a falta de persoal cualificado.
Ademais, o acordo inclúe a realización dun estudo sobre a produtividade das rías galegas por parte do Instituto de Oceanografía, co obxectivo de analizar a perda de produtividade e propoñer medidas que garantan a sustentabilidade do sector.
Outro dos puntos salientados foi o compromiso de establecer mecanismos de intercambio de cotas con terceiros países para mellorar as posibilidades de captura de especies como a raia, a xarda ou o lirio.
Máis representación para Galicia
Pola súa banda, Betanzos subliñou que contar cunha representación nacionalista forte en Madrid tradúcese en “avances reais” para Galicia, polo que considerou fundamental reforzar a presenza do BNG nas Cortes.
A concelleira puxo en valor o traballo de Néstor Rego no Congreso e da senadora Carme da Silva Méndez, ao tempo que criticou a actitude dos partidos estatais, aos que acusou de manter posicións contraditorias entre Galicia e Madrid.
“É fundamental ter máis forza para seguir defendendo os intereses da nosa terra”, concluíu.