O BNG reúne na Laracha colectivos e expertos para debater sobre os modelos de biogás

A xornada ‘O biogás na Galiza: un debate necesario’ aborda o impacto dos proxectos e as alternativas para desenvolver este tipo de enerxía
xornada-biogas-a-laracha
26 Sep 2026

A Casa da Cultura da Laracha acolle este sábado unha xornada organizada polo BNG arredor do desenvolvemento do biogás, cun programa no que participan colectivos veciñais, asociacións ambientais e sindicais, expertos en enerxía e representantes políticos. Baixo o título ‘O biogás na Galiza: un debate necesario’, o encontro analiza os diferentes modelos para esta enerxía e o impacto de proxectos como o da macroplanta de Soandres, na Laracha, que está a xerar mobilizacións entre a veciñanza.

A responsable nacional da Área de Organización do BNG, Lucía López, foi a encargada de abrir o encontro xunto á portavoz municipal da formación na Laracha, Carolina Castiñeiras. Na súa intervención, López reivindicou a capacidade de Galicia para decidir sobre os seus recursos e defendeu que os beneficios derivados da súa explotación contribúan ao desenvolvemento económico e ao benestar da poboación, mediante a creación de tecido produtivo, emprego e riqueza compatible co respecto ao territorio.

“Galiza non pode seguir sendo unha terra de sacrificio ao servizo de decisións que se toman fóra”, afirmou López, que vinculou esta situación co que cualificou como un modelo de espolio promovido polo Goberno do PP. Segundo a responsable do BNG, este modelo fai que os beneficios saian do país e deixa que “intereses económicos particulares e alleos” determinen o futuro de Galicia.

No contexto do debate sobre os novos modelos enerxéticos, López sinalou que o biogás presenta novas posibilidades económicas que, ao seu xuízo, deben servir para reforzar o tecido produtivo galego e non reproducir relacións de dependencia. “E por iso a idea de soberanía ten tanta importancia, non como unha formulación abstracta, senón como unha necesidade práctica”, engadiu.

A responsable nacional do BNG referiuse tamén á dimensión territorial da implantación das plantas de biogás, nun momento no que varios proxectos están a provocar preocupación e controversia en concellos galegos. Neste sentido, defendeu modelos de explotación dos recursos “que teñan unha relación real co territorio e coa actividade que xera eses recursos”.

“Temos que preguntarnos como podemos facer que estas novas posibilidades contribúan a fortalecer o sector primario, o medio rural e o tecido produtivo existente, en lugar de limitarse a crear novas actividades económicas desconectadas das necesidades e das potencialidades do País”, asegurou.

A primeira mesa da xornada está dedicada á defensa do territorio e ao papel do activismo ante os proxectos de biogás. Moderada pola profesora María Rei Vilas, conta coa participación de representantes de Stop Biogás A Laracha, Lugo non quere cheiros e Stop Biogás Agolada, ademais de Daniel López, de Adega.

O programa complétase coa mesa ‘Modelos de desenvolvemento do biogás’, na que participan Xurxo López, de Enova Enerxía; Montse Valcárcel, catedrática de hidroloxía e deputada do BNG; Manuel Soto, de Adega, e Manuel Casal, da Fruga. O debate estará moderado por Xosé Manuel Golpe, portavoz parlamentario do BNG en materia de enerxía.

A xornada desenvolvese ao longo da mañá na Casa da Cultura da Laracha co obxectivo de abordar a implantación do biogás desde o coñecemento e a análise dos distintos modelos existentes, así como as súas implicacións sobre o territorio.

0.33666801452637