O BNG solicita aclaracións á Xunta pola ausencia de servizo de atención diúrna no CAPD de Ourense

A deputada Noa Presas rexistrou iniciativas parlamentarias tras as queixas de familias e reclama información sobre o funcionamento do centro, as ratios de persoal e a prestación das prazas previstas
Noa Presas
16 Jun 2026

O BNG presentou iniciativas no Parlamento de Galicia para pedir explicacións á Xunta sobre a falta de oferta de prazas de día no Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Ourense, unha situación que foi posta en coñecemento da formación por parte de varias familias que solicitaron este servizo.

A deputada nacionalista por Ourense, Noa Presas, lembrou que a provincia levou durante décadas a demanda dun centro público destinado a persoas con diversidade funcional maiores de 21 anos, co obxectivo de dar cobertura ás comarcas do interior sur de Galicia, que, segundo sinala, non contaban cun servizo semellante.

Presas sostén que, tras anos de reclamacións, o centro non estaría a cumprir plenamente os obxectivos cos que foi concibido e que, máis dun ano despois da súa posta en funcionamento, non estaría operativo ao cento por cento.

Segundo explicou, o proxecto contemplaba 110 prazas en total, das cales 30 serían de atención diúrna e 80 de carácter residencial, destinadas a persoas con diferentes perfís, como trastorno do espectro autista, dano cerebral adquirido, parálise cerebral ou discapacidade intelectual.

O BNG denuncia que na actualidade non se está a ofrecer o servizo de atención diúrna terapéutica, pensado para que as persoas usuarias poidan acudir ao centro durante o día e regresar aos seus fogares pola noite, e que considera esencial tanto para a integración como para o apoio ás familias e coidadores.

A formación lembra que este servizo debería prestarse de luns a venres cun horario de oito horas, incluíndo comedor, e durante un mínimo de 220 días ao ano, cuestións polas que solicita aclaracións sobre o seu cumprimento e sobre posibles autorizacións de excepción por parte da Xunta.

0.33905982971191