O BOE recolle a declaración BIC do campamento romano da Ciadella e inicia a protección do Pico Sacro

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou este xoves dúas resolucións da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia relacionadas coa protección e posta en valor de elementos destacados do patrimonio galego.
Por unha banda, fíxose oficial a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC), na categoría de xacemento arqueolóxico, do campamento romano da Ciadella, situado no lugar da Igrexa, no concello coruñés de Sobrado. A resolución inclúe tamén a incorporación ao Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia de catro mámoas localizadas na contorna deste enclave arqueolóxico.
Por outra banda, o BOE publica a resolución pola que se inicia o procedemento para declarar Ben de Interese Cultural do patrimonio inmaterial o conxunto simbólico do Pico Sacro, un dos espazos máis emblemáticos da tradición histórica e lendaria de Galicia.
Segundo se recolle na resolución, o expediente deberá quedar resolto nun prazo máximo de 24 meses desde a súa incoación. Mentres dure a tramitación, o conxunto contará xa cunha inscrición preventiva no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.
Estas actuacións forman parte das medidas impulsadas pola Xunta para reforzar a protección e conservación do patrimonio cultural galego, tanto material como inmaterial, e garantir a súa transmisión ás futuras xeracións.