O cadro de Castelao 'Derradeira lección do mestre' chega a Pontevedra o 17 de xuño

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o vicepresidente Rafa Domínguez dan a coñecer o calendario e o programa de actos que completarán a exposición, por primeira vez na provincia, da Derradeira Lección do Mestre de Castelao. O cadro chegará ao Museo de Pontevedra o 17 de xuño e a exposición inaugurarase o día 25 do mesmo mes para manter abertas as portas ao público durante tres meses, ata o 27 de setembro.
“O vindeiro 17 de xuño recibiremos neste Museo a obra cumio de Castelao, ‘A derradeira lección do mestre’. Un fito para o Museo, para Pontevedra e para Galicia que é máis que cultura, galeguismo e memoria”, anunciaron os dirixentes provinciais López e Domínguez nun acto celebrado este xoves no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra no que tamén participou a directora do Museo, Ángeles Tilve, para explicar a transcendencia cultural e artística da obra e a súa relevancia para a colección do Museo.
“É incorrecto dicir que esta obra de Castelao viaxará a Galicia. Máis ben regresa a casa. O Museo de Pontevedra, depositario da gran obra do mestre de Rianxo; é o custodio do debuxo orixinal da ‘Derradeira Leición’ e debo dicir que se conmove ver o debuxo, observar o cadro emociona e estremece”, puntualizou o presidente antes de detallar o programa que completará a exposición. “Para comprender a obra na súa totalidade, cómpre contexto, e iso é o que imos facer. A chegada do cadro vai máis alá da exposición da peza, será unha viaxe completa pola memoria do país, polas ensinanzas da emigración e pola cultura”, sinalou López.
A axenda do Museo de Pontevedra arredor deste cadro abrirase o 17 de xuño coa chegada da obra á cidade. Entre os días 22 e 23 de xuño celebrarase o seminario “Arte, exilio e memoria: Castelao, A derradeira lección do mestre e a emigración galega en América”. Dous días despois da apertura da mostra ao público, o 27 de xuño, está programado un concerto da Coral Polifónica de Pontevedra; o día 28, conmemorarase o plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galicia do 1936. E en agosto, o día 17, lembrarase a figura de Alexandre Bóveda polo 90 aniversario do seu fusilamento con motivo do Día da Galicia Mártir. Ademais, haberá visitas guiadas, obradoiros infantís de verán e actividades complementarias da man da Fundación Bóveda e Castelao.
“Unha ampla axenda que, unida aos actos do Ano Castelao do ano pasado, supoñen case dous anos de intensa actividade institucional por parte da Deputación para recoñecer o legado da maior figura do galeguismo. Temos unha débeda eterna de gratitude co doutor Afonso Daniel e saldar parte desa débeda é o que facemos coa exposición da súa grande obra pictórica. Castelao quixo a Pontevedra e a este Museo como esa casa á que volverá, 76 anos despois do seu pasamento, con merecidos honores”, recoñeceu o presidente Luis López.
Unha cesión co selo de Rafa Domínguez
A inminente chegada desta emblemática pintura, propiedade do Centro Galicia de Bos Aires, ao Museo é froito dun longo e intenso traballo encabezado polo vicepresidente e responsable do Museo Rafa Domínguez que comezou hai meses, asinouse o pasado mes de novembro nunha viaxe institucional da Deputación a Arxentina e materializarase dentro dun mes. “Este resultado non se improvisa, detrás hai meses de xestións técnicas, xurídicas e loxísticas. Isto non se consegue nunha viaxe. A relación da Deputación co Centro Galicia de Bos Aires construíuse ao longo do tempo. O seu presidente, José María Vila Alén, visitou Pontevedra para ver a colección e entender a que lugar viña o cadro. Logo viaxamos a Bos Aires para asinar o convenio de cesión no Campo Galicia ante centos de galegos”, resumiu Domínguez os antecedentes dunha exhibición histórica pola que quixo expresar o agradecemento tanto aos profesionais do Museo como aos propietarios do cadro. A Deputación comprométese a que o cadro regresará a Bos Aires nas mesmas condicións en que saíu, protexido e coidado como o que é: un dos bens culturais máis valiosos do galeguismo”, subliñou Domínguez, que se desprazará o vindeiro a comezos de xuño ata Bos Aires para estar presente nos preparativos do envío do cadro, que partirá desde Arxentina o 8 de xuño.
A exposición en Pontevedra por primeira vez na historia, a segunda en Galicia, da obra magna de Castelao ten, segundo afirmou o presidente provincial, é responsabilidade do vicepresidente Rafa Domínguez. “Este fito é tamén un exercicio da mellor xestión porque detrás dese 17 de xuño está máis dun ano de horas e horas de conversas cos nosos irmáns da Arxentina, está a xenerosidade do Centro Galicia de Bos Aires, unha viaxe á outra beira do Atlántico para asinar o acordo, e o enorme traballo do Museo para que obra cumio de Castelao veña onde tiña que vir, na casa”, recoñeceu López antes de remarcar que “este fito non sería unha realidade sen o empeño do vicepresidente Rafa Domínguez, o auténtico artífice dunha exposición histórica. Moitos quixeron e seguramente quererán lograr isto, pero só Rafa Domínguez foi quen de conseguilo”, enxalzou o mandatario, quen tamén agradeceu as “facilidades” do Centro Galicia de Bos Aires para a cesión e a capacidade dos profesionais do Museo, coa directora Ángeles Tilve á fronte, para “planificar unha axenda cultural á altura dun fito destas características”.