O Camiño de Inverno cumpre dez anos de recoñecemento oficial cun aumento do 16 % de peregrinos

Turismo de Galicia destaca o crecemento da ruta, que suma máis de 2.400 Compostelas en 2026, e repasa os investimentos realizados para mellorar os seus servizos e infraestruturas
camiño-do-inverno-descubrir-quiroga
27 Sep 2026

O Camiño de Inverno cumpre dez anos desde o seu recoñecemento oficial cun incremento na chegada de peregrinos. Máis de 2.400 persoas recolleron a Compostela tras percorrer esta ruta no que vai de 2026, unha cifra que representa un aumento do 16 % respecto ao mesmo período do ano anterior, segundo os datos difundidos pola Xunta.

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou este domingo en Pantón, xunto ao delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, nas xornadas divulgativas ‘Unha data, un recoñecemento, un camiño’, organizadas pola Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra para conmemorar o décimo aniversario da oficialidade do itinerario.

Merelles interveu na mesa ‘10 anos de Paisaxe, Cultura e Camiño’, dedicada a analizar desde diferentes perspectivas institucionais e territoriais o proceso que levou ao recoñecemento oficial da ruta e a súa evolución durante esta década.

O responsable de Turismo de Galicia destacou que o interese polo Camiño de Inverno mantivo unha tendencia ascendente ao longo destes anos, con excepción de 2020, marcado pola pandemia, e do pasado ano, condicionado polos incendios forestais do verán. Ademais, sinalou o peso dos peregrinos internacionais, que representan o 39 % dos que percorreron esta ruta en 2026.

A evolución do Camiño de Inverno prodúcese nun contexto de crecemento xeral das rutas xacobeas. No que vai de ano, máis de 467.000 persoas recolleron a Compostela, un 7 % máis que no mesmo período do ano anterior. O Camiño Francés concentra o 43 % dos peregrinos, mentres que o Portugués e o Portugués da Costa representan cada un o 20 %.

Turismo de Galicia destacou tamén a dimensión internacional do Camiño de Santiago, xa que o 60 % dos peregrinos proceden doutros países. Estados Unidos e Italia disputan neste último mes o primeiro posto entre os países de procedencia, seguidos de Portugal, Alemaña e Reino Unido.

No caso específico do Camiño de Inverno, a Xunta sinalou diferentes actuacións destinadas a reforzar os servizos e a infraestrutura da ruta. Entre elas figura a posta en marcha do albergue de San Paio de Diomondi, no Saviñao, o único da Rede pública da Xunta situado neste itinerario.

Tamén se inclúe a colaboración na reforma do albergue municipal da Rúa, para a que se asinou un convenio en 2025, así como actuacións previstas en aproximadamente 38 quilómetros do Camiño de Inverno dentro do Plan de Seguridade Viaria dos Camiños de Santiago.

A estas medidas súmase o convenio asinado en 2024 coa Asociación de Municipios do Camiño de Inverno, destinado a reforzar a difusión e o coñecemento desta ruta xacobea.

0.38736796379089