O Camiño do Mar completa a súa quinta edición tras percorrer máis de 280 quilómetros ata Santiago

A quinta edición do proxecto “O Camiño do Mar Concello a Concello” chegou este domingo ao seu destino final coa entrada dos participantes en Santiago de Compostela tras completar un percorrido de máis de 280 quilómetros. A iniciativa, promovida pola Asociación Amigos do Camiño do Mar, concluíu despois de trece domingos consecutivos de andaina que comezaron o pasado 8 de marzo en Ribadeo.
A última etapa desenvolveuse entre San Vicente de Marantes e a capital galega. Os peregrinos iniciaron a marcha ás 8.30 horas e percorreron os derradeiros 13,4 quilómetros nun ambiente marcado pola emoción e a satisfacción de culminar varios meses de camiño. A comitiva accedeu ao centro histórico compostelán ao redor das 11.45 horas, entrando pola Praza das Praterías antes de chegar ao Obradoiro, onde os participantes inmortalizaron o momento diante da Catedral.
Tras a chegada, os camiñantes recolleron as súas Compostelas e os diplomas acreditativos específicos do Camiño do Mar na Oficina do Peregrino. A xornada rematou cun xantar de confraternidade no que tamén se realizou a entrega oficial dos certificados.
Durante este acto, o presidente da asociación, Manuel Vicente, agradeceu a colaboración recibida ao longo de toda a ruta. A entidade destacou especialmente o apoio prestado polos concellos atravesados, así como polos seus alcaldes e concelleiros, que participaron na recepción dos grupos e no selado das credenciais dos peregrinos en cada etapa.
A asociación tamén puxo en valor a implicación da Diocese de Mondoñedo-Ferrol e dos párrocos das distintas localidades, que facilitaron o acceso a igrexas e capelas de gran valor histórico e patrimonial. Entre os xestos máis destacados salientaron a participación e bendición aos peregrinos por parte de Fernando García Cadiñanos, quen ademais selou persoalmente as credenciais dos participantes.
O balance desta edición deixa tamén un importante percorrido de divulgación histórica e patrimonial. Nos primeiros 107 quilómetros, os peregrinos atravesaron os concellos da Mariña lucense, desde Ribadeo ata O Vicedo, visitando elementos destacados como o antigo Hospital de San Andrés, o mosteiro de San Tirso de Portocelo ou a Basílica de San Martiño de Mondoñedo, considerada unha das catedrais máis antigas de España.
A ruta continuou posteriormente por comarcas como Ortegal e Ferrolterra, con pasos por Mañón, Ortigueira, Cariño, Cedeira, Valdoviño, Narón e Neda, antes de enlazar co trazado do Camiño Inglés cara a Santiago a través de localidades históricas como Pontedeume, Betanzos, Bruma e Sigüeiro.
A pesar do éxito de participación e do respaldo institucional e eclesiástico recibido, a asociación aproveitou a chegada a Santiago para reiterar a súa demanda de que o Camiño do Mar sexa recoñecido oficialmente como ruta xacobea. Manuel Vicente lembrou que a entidade leva máis de quince anos traballando na sinalización e promoción deste itinerario e reclamou que se materialice o acordo parlamentario aprobado en 2011 para o seu recoñecemento.
Co remate desta edición, a Asociación Amigos do Camiño do Mar xa pensa na seguinte convocatoria. A organización anunciou que iniciará de inmediato os preparativos da edición de 2027, que coincidirá co Ano Santo Xacobeo e que aspira a incrementar a participación e reforzar a proxección desta ruta polo norte de Galicia.