O Camiño Portugués da Costa é a ruta xacobea que máis medra ao acadar os 79.000 peregrinos

A gran maioría dos usuarios opta por facer este Camiño fóra da tempada alta e oito de cada dez son estranxeiros
camino-primitivo-xacobeo-peregrino
11 Sep 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que o Camiño Portugués da Costa é a ruta xacobea que más medra, con 79.000 peregrinos que recolleron a compostela no que vai de ano, o que supón un incremento do 25% respecto a 2025.

Rueda recibiu unha das Medallas ao Mérito do Camiño Portugués da Costa, en nome da Xunta, coas que o Concello de Baiona recoñece o traballo realizado polo Goberno autonómico para oficializar esta ruta en 2016, así como o investimento na sinalización, acondicionamento, conservación, infraestruturas e promoción da mesma. O presidente lembrou que a oficialización deste itinerario foi un traballo en equipo no que colaboraron concellos, asociacións e persoas particulares como Juan Manuel López-Chaves, fundador da asociación Amigos dos Pazos, e quen tamén recibiu unha Medalla a título póstumo.

O presidente salientou que a Xunta leva investidos 6,6 millóns de euros na última década na conservación e mellora de servizos do Camiño Portugués da Costa, que pasou de 2.600 peregrinos no 2016 a 90.000 o pasado ano.

Ademais, resaltou que esta ruta é un bo exemplo da desestacionalización e da internacionalización do Camiño de Santiago. A gran maioría dos peregrinos que elixe este itinerario realiza o percorrido fóra da tempada alta -nos meses de maio, xuño, setembro ou outubro- e oito de cada dez camiñantes son estranxeiros, principalmente de Estados Unidos, Italia, Portugal e Alemaña.

Por último, Rueda agradeceu a todos os que traballan cada día para consolidar, protexer e manter vivas as diferentes rutas xacobeas, moi especialmente ás portas dun novo Ano Santo. O presidente cualificou o Xacobeo 2027 como unha oportunidade única para Galicia e lembrou que a Xunta segue avanzando na seguridade viaria dos peregrinos, reforzando a rede de albergues e organizando unha programación diversa e inclusiva da cara á cita do vindeiro ano.

0.31713891029358