O Camiño Portugués da Costa supera todos os rexistros históricos con 90.000 peregrinos en 2026

A ruta xacobea enfila a cifra de 100.000 camiñantes tras ratificar que é a que máis crece cun 26% respecto a 2025 e case o 20% de todos os itinerarios
peregrinos-camino-portugues
24 Sep 2026

A delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, destacou este xoves o novo rexistro histórico do Camiño Portugués da Costa tras superar todas as cifras da serie e superar os 90.000 peregrinos polas rúas da cidade no que vai de ano. A representante autonómica celebrou este novo récord e apuntou que o itinerario xacobeo está a punto de chegar á cifra máxica dos 100.000 camiñantes ao ano.

“A nosa cidade converteuse nun punto de referencia para a cultura e a tradición do Camiño, un factor que repercute economicamente en Vigo, tanto na hostalería como no comercio local”, sinalou Ortiz. A delegada territorial mencionou o feito de que o 81% dos peregrinos sexan estranxeiros. “Estamos ante un fenómeno internacional que debemos coidar e segue sendo necesario que o alcalde permita sinalizar o traxecto polas nosas rúas para que ningún visitante pérdase”, engadiu.

Segundo reflicten as estatísticas a Oficina do Peregrino, a día de hoxe recolleron a compostela un total de 90.009 peregrinos, superando os 89.503 de todo o 2025. Ademais, este mes de setembro de 2026 xa é o cuarto de maior afluencia con 15.092 camiñantes a falta dunha semana para que finalice. O récord histórico mensual produciuse en maio de este ano con 18.455, seguidos de setembro de 2025 con 16.071 e maio do mesmo ano con 15.225.

En cuanto á procedencia das persoas que realizan o Camiño da Costa, xa pasaron pola cidade, sempre segundo a Oficina do Peregrino, un total de 17.283 españoles. Por detrás, estadounidenses (10.606), italianos (9.281), alemáns (8.101), polacos (4.568), portugueses (3.902), do Reino Unido (2.999), canadenses (2.214) e ucraínos (2.132).

“Os números son espectaculares, con xornadas nas que hai preto de 1.000 peregrinos aloxados en Vigo, o que iso supón para os hoteis, a restauración e o comercio”, asegurou Ana Ortiz. A delegada tamén lembrou o acerto da Xunta de Galicia cando decidiu investir preto de 2 millóns de euros na construción do Albergue de Peregrinos “Juan Manuel López Chaves” na Ribeira do Berbés.

O aloxamento público xa suma este mes de setembro máis de 1.000 peregrinos, polo que supera este ano os 10.000 camiñantes que buscaron hospedaxe no edificio do Casco Vello. En 2025 foron un total de 11.229.

0.36320614814758