O Carballiño acollerá 25 curtametraxes de vinte países na segunda edición do festival internacional Xociviga

O Auditorio Manuel María proxectará entre o 25 e o 28 de novembro un total de 15 estreas, catro de ámbito estatal e once galegas, ademais dunha sesión especial de terror e actividades para o público familiar
Presentación Xociviga O Carballiño
5 Nov 2026

O Concello do Carballiño, a través da Concellería de Cultura, colabora na segunda edición do Festival Internacional de Curtametraxes Xociviga, a cita audiovisual máis relevante do municipio. A presentación da programación tivo lugar esta mañá no salón de plenos da Casa Consistorial, onde se avanzou que as proxeccións se desenvolverán entre o 25 e o 28 de novembro no Auditorio Manuel María.

O concelleiro de Cultura, Diego Fernández, salientou o nivel da selección deste ano: “É unha proposta de gran calidade cinematográfica, con curtas que participaron en festivais internacionais”, afirmou, ao tempo que animou á veciñanza a achegarse ao certame.

En total, o público poderá ver 25 curtametraxes de estilos e narrativas moi diversas, chegadas dunha vintena de países. O codirector do festival, Mario Filloy, que comparte a dirección con Daniel Filloy, explicou que as obras foron escollidas entre as propostas máis destacadas do panorama internacional. “Teremos curtas de Lituania, Haití, Perú ou Turquía, e nesta nova edición renovamos o noso compromiso coa diversidade cinematográfica, pola calidade e variedade das propostas, pensando sempre no público”, engadiu.

Quince estreas entre España e Galicia

Esta edición incluirá un total de 15 estreas, catro delas a nivel estatal e once a nivel galego. Segundo Filloy, o programa contará con “pezas galegas multipremiadas, obras de directores nominados aos premios Óscar ou Goya e curtas que participaron en festivais como o de Cannes”. O listado completo dos títulos seleccionados darase a coñecer nos próximos días.

O eixo central do festival seguirá sendo, como en edicións anteriores, a sección Xentes, na que as curtametraxes competirán tanto polo premio do xurado como polo do público, que votará despois de cada proxección. O codirector detallou que haberá oito sesións dunha hora de duración aproximadamente, programadas ás 17.30, 19.00 e 20.30 horas, con entrada gratuíta. A única excepción será o sábado 28, xornada na que, debido aos preparativos electorais do 29N no propio Auditorio, só se ofrecerán dúas sesións.

Unha sesión sorpresa de terror e propostas para os máis pequenos

Entre as novidades deste ano figura a incorporación dunha sesión especial de cinema de terror cunha proxección sorpresa, que terá lugar o venres 27 ás 23.00 horas. Filloy adiantou que o título non se desvelará ata o comezo da sesión, que tamén será gratuíta.

O festival mantén ademais a súa aposta pola formación e a participación do público infantil. O sábado 28 ás 11.30 horas celebrarase unha sesión familiar na que se proxectará ‘Shrek’ con motivo do seu 25º aniversario, unha proposta que, segundo lembrou Filloy, “o ano pasado foi unha sesión moi exitosa, con moita rapazada”.

Así mesmo, o sábado 21 pola mañá celebrarase un obradoiro audiovisual dirixido a nenos e nenas, cuxas inscricións abrirán esta mesma tarde a través das redes sociais do festival. Os directores, pola súa banda, ultiman os detalles das actividades previstas xunto aos centros educativos da localidade.

0.33138108253479