O Carballiño amosará o seu patrimonio natural e cultural no Encontro de Casas Rexionais e Provinciais de Sevilla

A cita, organizada polo Ayuntamiento de Sevilla, contará coa participación do Lar Gallego da cidade andaluza
carballiño
8 Sep 2026

O Carballiño formará parte do Encontro de Casas Rexionais e Provinciais de Sevilla, que terá lugar do 9 ao 12 de outubro nos Xardíns de Murillo da capital andaluza. Trátase dunha mostra promocional impulsada polo Ayuntamiento de Sevilla na que participan distintas casas rexionais da cidade, entre elas o Lar Gallego, que nesta edición dedicará o seu espazo ao concello do Arenteiro.

Deste xeito, quen se achegue ao encontro poderá coñecer os principais atractivos paisaxísticos, gastronómicos e arquitectónicos do municipio a través de imaxes, cartelería e folletos relacionados co Parque Municipal, a Festa do Pulpo, o Templo da Veracruz ou a oferta termal do Gran Balneario e Partovia. Desde o goberno local trasladouse o seu agradecemento ao Lar Gallego por sumar a O Carballiño a esta iniciativa, despois de que a entidade xa lle cedese a súa caseta durante a pasada Feira de Abril.

Así mesmo, púxose en valor a colaboración que mantén o Concello con entidades de distintos puntos de España e Europa, unha vía que permite dar a coñecer os recursos turísticos do municipio en diferentes citas de carácter nacional e internacional. Neste sentido, lembrouse que ao longo deste ano a Concellería de Turismo reforzou os seus vínculos con localidades como Sevilla, Lanzarote, Mogán, Alijó ou Noventa Padovana, o que contribúe a reforzar a identidade e o atractivo turístico do municipio, ademais de favorecer o establecemento de novas relacións con outras localidades.

0.36128211021423