O Carude Rock celebra esta fin de semana a súa XI edición con cinco concertos gratuítos

O festival trasládase este ano ao centro de Monforte e contará coas actuacións de Gato Ventura, Dinosaurios, Extremo, Mr. Kamándula e Sr. Salvaje
presentacion-carude-rock-monforte
4 Aug 2026

O Concello de Monforte acolleu este martes a presentación oficial da XI edición do Carude Rock, que se celebrará os vindeiros 7 e 8 de agosto na Praza da Compañía. O alcalde, José Tomé Roca, participou no acto xunto cos organizadores do festival, integrado na programación do Verán Cultural do Concello.

Durante a presentación deuse a coñecer o cartel completo desta edición, que reunirá bandas locais, galegas e nacionais coa intención de manter a filosofía coa que naceu este certame: ofrecer música en directo de calidade e contribuír á dinamización cultural e social do municipio.

O festival cambia este ano de emprazamento e trasládase á Praza da Compañía, un dos espazos máis emblemáticos de Monforte e escenario habitual de grandes citas culturais durante o verán. O cambio prodúcese, segundo lembraron tanto a organización como o Concello, por mor dunha sentenza derivada da denuncia presentada por unha veciña de Carude, unha circunstancia xa explicada por ambas as partes semanas atrás.

Ao longo das súas edicións, o Carude Rock consolidouse como unha das principais citas musicais da comarca, grazas ao traballo dunha organización formada integramente por persoas voluntarias e ao apoio das administracións, empresas colaboradoras e diferentes entidades.

No acto, a organización agradeceu especialmente a colaboración do Concello de Monforte, así como o respaldo dos patrocinadores e das entidades que fan posible a celebración do festival, destacando a importancia da cooperación institucional e do tecido asociativo para impulsar iniciativas culturais deste tipo.

O programa arrancará o venres 7 de agosto, a partir das 20.30 horas, coas actuacións de Gato Ventura, Dinosaurios e Extremo, banda tributo a Extremoduro. O sábado 8, tamén desde as 20.30 horas, o festival combinará churrasco e rock’n’roll coa participación de Mr. Kamándula e Sr. Salvaje.

O alcalde ratificou o apoio do Concello ao Carude Rock e animou á veciñanza e ás persoas que visiten Monforte durante esas datas a achegarse á Praza da Compañía para gozar dunha nova edición dun festival que continúa consolidándose como unha das grandes citas musicais do verán na Ribeira Sacra.

0.33003497123718