O Cebreiro homenaxeará a Ramón Cabanillas no centenario de 'Na noite estrelecida'

A igrexa da localidade acollerá o 8 de agosto un acto literario con relatorios e unha lectura colectiva da obra do poeta cambadés
Ramón-Cabanillas
3 Aug 2026

A Igrexa do Cebreiro, no concello de Pedrafita do Cebreiro, será escenario o vindeiro 8 de agosto dun acto literario dedicado á figura de Ramón Cabanillas coincidindo co centenario da publicación de 'Na noite estrelecida', unha das obras máis destacadas da literatura galega do século XX.

A iniciativa tamén servirá para lembrar os 150 anos do nacemento do escritor de Cambados, unha efeméride que se cumpriu o pasado mes de xuño. O autor mantivo unha estreita relación coa provincia de Lugo, especialmente co Cebreiro e co Mosteiro de Samos, espazos que inspiraron parte da súa produción literaria.

O programa arrancará ás 11.45 horas coa recepción das autoridades e representantes das entidades colaboradoras. Entre os asistentes previstos figuran o alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luís Raposo; o párroco do Cebreiro, Paco Castro; o concelleiro de Ensino, Cultura e Patrimonio de Cambados, Liso González; o presidente da Asociación de Xornalistas e Estudosos do Camiño de Santiago, Xosé María García Palmeiro; e Pitusa Cabanillas, neta do poeta.

A primeira intervención correrá a cargo de Paco Castro, que abordará a vinculación de Ramón Cabanillas co Cebreiro, Samos e a orde franciscana. A continuación, o profesor e investigador Francisco Fernández Rei ofrecerá un relatorio sobre a relación do escritor coa Materia de Bretaña e a tradición artúrica presente na súa obra.

A xornada completarase coa intervención de Manuel Núñez Pérez, que falará sobre o Santo Grial en Galicia. Antes da visita ao conxunto histórico do Cebreiro, os participantes realizarán unha lectura colectiva de O cabaleiro do Sant Grial, un dos poemas que integran Na noite estrelecida.

Ramón Cabanillas está considerado unha das figuras máis relevantes das letras galegas. Membro da Real Academia Galega desde 1920 e da Real Academia Española desde 1929, deixou unha ampla produción poética na que combinou o compromiso coa identidade galega, a tradición literaria europea e a defensa da lingua propia.

0.4261360168457