O CEN despídese de Galicia con dúas funcións en Arzúa e Vimianzo

Camiño Escena Norte (CEN), o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa, pechará a súa programación en Galicia este venres, 30 de outubro, con dúas funcións en Arzúa e Vimianzo.
A primeira cita será ás 18.00 horas na Capela da Madanela de Arzúa, coa representación de El gato con botas de agua, da compañía asturiana El Callejón del Gato, Premio Oh! 2025 ao mellor espectáculo para a infancia. A montaxe combina teatro visual, monicreques e obxectos para reflexionar sobre os dereitos fundamentais dos nenos e nenas. A entrada será libre ata completar a capacidade e, ao remate, celebrarase un encontro coa compañía.
Pola súa banda, ás 20.30 horas, o Auditorio Municipal de Vimianzo acollerá ¿Dónde están los niños?, da compañía vasca Tartean Teatroa. Escrita e dirixida por Jokin Oregi, a obra aborda as presións que recaen sobre a infancia a través da historia de Maddi, unha nena de oito anos. As entradas custan cinco euros e están dispoñibles na plataforma Woutick.
Mentres tanto, as tres compañías galegas participantes nesta oitava edición, baixo o lema Latexos Escénicos, continuarán a súa xira por Navarra, Cantabria, Asturias e Euskadi ata o peche do programa, previsto para o 15 de novembro. Toda a información sobre a programación pode consultarse en escenanorte.com.