O CENTRAD celebra a terceira edición do curso de chirimía, sacabuche e percusión histórica

A formación desenvolverase do 30 de outubro ao 1 de novembro con clases teórico-prácticas, dúas palestras especializadas e un concerto final na igrexa de Santa María
Centrad-Lugo-fachada
28 Oct 2026

O Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) da Vicepresidencia da Deputación de Lugo acollerá esta fin de semana a terceira edición do Curso de Chirimía, Sacabuche e Percusión Histórica, unha proposta formativa gratuíta dirixida ás persoas interesadas na música antiga e na interpretación de instrumentos históricos.

A actividade comezará na tarde do venres 30 de outubro e continuará durante as xornadas completas do sábado 31 e do domingo 1 de novembro. O programa combinará clases teóricas e prácticas con dúas palestras especializadas, co obxectivo de afondar na interpretación dos instrumentos históricos e nas antigas formas de notación musical, ademais de favorecer o encontro entre persoas afeccionadas a este ámbito.

A programación contará coa participación do luthier Oli Xiráldez e do intérprete e investigador Luis Vives Balaguer, que ofrecerán dúas intervencións centradas na historia e nas particularidades da música antiga. O curso rematará o domingo cun ensaio xeral e un concerto de Capilla de Arráez xunto co alumnado participante, previsto para as 19:30 horas na igrexa de Santa María.

Tres xornadas de formación e música antiga

A primeira xornada comezará o venres ás 15:45 horas coa recepción dos participantes e a organización dos grupos. As clases teórico-prácticas iniciaranse ás 16:30 horas e prolongaranse ata as 19:30 horas, con pausas intermedias. Ás 19:45 horas, Luis Vives Balaguer impartirá a palestra 'Os menestreis europeos: operarios da música entre a rúa e a corte. Estudo comparado da percusión en España, Italia, Francia e Alemaña (séculos XV-XVII)'.

O sábado, as actividades formativas desenvolveranse entre as 10:00 e as 14:00 horas e retomaranse ás 16:00 horas, cunha sesión dedicada tamén á relación entre os menestreis e a percusión. Ás 19:30 horas, Oli Xiráldez ofrecerá a palestra 'A dulcina do Mary Rose'.

A última xornada, o domingo 1 de novembro, seguirá un horario similar, con clases pola mañá e pola tarde. Ás 18:00 horas terá lugar o ensaio xeral previo ao concerto de clausura, que reunirá a Capilla de Arráez e o alumnado do curso na igrexa de Santa María.

As persoas interesadas en participar poden solicitar información e formalizar a súa inscrición a través do correo electrónico chirimiasgalegas@gmail.com ou do teléfono 629 421 544. A actividade permitirá achegarse á práctica musical histórica e coñecer de primeira man instrumentos e técnicas interpretativas vinculadas á tradición europea.

0.40444397926331