O Centro Etnográfico O Seixidal das Somozas incorpórase ao Sistema Galego de Centros Museísticos

O espazo, dedicado á conservación da cultura rural galega do século XX, convértese no centésimo equipamento integrado nesta rede autonómica
museo-o-seixidal-as-somozas
27 Jul 2026

A Xunta aprobou a incorporación do Centro Etnográfico O Seixidal, situado no concello coruñés das Somozas, ao Sistema Galego de Centros Museísticos, unha decisión que eleva a cen o número de equipamentos que forman parte desta rede. O acordo foi autorizado no Consello da Xunta e supón o recoñecemento deste espazo municipal polo seu labor na conservación, investigación e difusión do patrimonio etnográfico galego.

Coa entrada do centro das Somozas, o Sistema Galego de Centros Museísticos pasa a estar integrado por 71 museos, 24 coleccións museográficas e cinco centros de interpretación.

A Xunta destacou o valor cultural deste complexo, formado por tres antigas vivendas rehabilitadas, un auditorio ao aire libre e unha parcela con árbores froiteiras e cultivos tradicionais. O seu obxectivo é preservar a memoria da vida no rural galego durante o século XX e achegar ese legado á cidadanía mediante un modelo participativo e dinámico.

O Centro Etnográfico O Seixidal desenvolve unha programación centrada na recuperación dos oficios, costumes e formas de vida tradicionais, organizando obradoiros e actividades divulgativas sobre cestería, elaboración do pan, poda ou labores agrícolas. Ademais, promove a participación da veciñanza e impulsa iniciativas de carácter inclusivo nas que participan persoas maiores e con diversidade funcional.

O proxecto museolóxico recolle un inventario de 140 pezas etnográficas, entre apeiros agrícolas, ferramentas e enxoval doméstico utilizados habitualmente no rural galego. Parte da maquinaria consérvase en funcionamento, o que permite realizar demostracións prácticas durante as actividades organizadas polo centro.

Outro dos elementos destacados do complexo é a recreación de espazos propios das vivendas tradicionais galegas e a recuperación de plantacións e especies autóctonas, co propósito de ofrecer aos visitantes unha experiencia inmersiva que reproduza a vida cotiá das comunidades rurais e contribúa á transmisión deste patrimonio ás novas xeracións.

0.48494100570679