O ceo pontés encherase de cor e de impresionantes papaventos
O próximo sábado, 21 de agosto, celebrarase no Lago o primeiro festival de papaventos do Concello. Desde as 11.00 da mañá e ata as 19.00 horas, o ceo pontés encherase de cor e de impresionantes papaventos que farán as delicias dos pequenos e adultos.
Este magnífico espectáculo visual chega a As Pontes da man de Trobellino y Ventolera e Velaivai.
Os papaventos serán izados desde unha área restrinxida na zona de aparcadoiro a carón da praia, na parte baixa do Lago. Así permitirá que sexa perfectamente observable a simple vista desde diferentes puntos da contorna. É por iso polo que o acceso será libre, aínda que se prega evitar as aglomeracións, manter o distanciamento social, utilizar as máscaras e respectar as medidas sanitarias vixentes.
Este espectáculo visual está recomendado para todo o público en xeral, pero en especial para as crianzas, que poderán ver extraterrestres, polbos ou peixes de cores sucando o ceo pontés. Algunhas destas pezas chegan a medir até 30 metros de longo. As dúas compañías, tanto Velaivai, procendente da Coruña, como a madrileña Torbellino y Ventolera; teñen unha ampla e contrastada experiencia neste tipo de eventos que realizan en diversos lugares do país.
Esta primeira edición, que está marcada aínda pola pandemia, procura ser o primeiro paso para realizalo en vindeiras ocasións anualmente. Nesas próximas edicións está previsto engadir tamén obradoiros e outras actividades que permitan achegarse ao mundo dos papaventos en primeira persoa.