O Certame de Pintura Rápida de Rábade reúne a 25 artistas de toda España na súa 18ª edición

José Ángel Rivas, procedente de Xixón, gañou o primeiro premio, dotado con 1.200 euros
premios-certame-pintura-rapida-rabade
12 Jul 2026

O Concello de Rábade celebrou este sábado a 18ª edición do Certame de Pintura Rápida, unha cita que xa se consolidou como un evento de carácter nacional e que reuniu a 25 artistas procedentes de Galicia e doutras comunidades autónomas, como Asturias, Castela e León ou Cataluña.

O certame estivo aberto a todas as persoas maiores de 18 anos e cada participante dispuxo desde as 9:00 ata as 17:00 horas para elaborar unha única obra, con total liberdade de técnica e estilo, baixo o tema “Estampa de Rábade”.

O primeiro premio, dotado con 1.200 euros, foi para José Ángel Rivas, de Xixón, mentres que o segundo galardón, de 800 euros, recaeu en Juan Carlos Triñanes, de Rianxo, e o terceiro, de 600 euros, foi para Óscar Hernán, de Valladolid. Por último, o cuarto premio, dotado con 500 euros e patrocinado por Sariego, foi para Manuel Carballeira, de Valdoviño. O xurado tamén concedeu tres accésits de 100 euros a José Luis Riestra, de Avilés; Nuria Blanco, de Valladolid; e Ana Isabel Rodríguez, da Coruña.

Durante a entrega de premios, a alcaldesa de Rábade, Reme González, puxo en valor a elevada participación e destacou o nivel artístico das obras presentadas. A rexedora tamén agradeceu a colaboración e o apoio das empresas patrocinadoras que fan posible a organización do certame.

Ao rematar a competición, todas as persoas participantes entregaron os seus cadros para formar parte da exposición aberta no centro sociocultural tras a entrega dos premios. Ademais, as obras premiadas e aquelas cuxos autores así o desexen, logo da correspondente taxación, pasarán a exhibirse nas dependencias do Concello.

0.26033782958984