O CHUAC constitúe a súa unidade docente para avanzar na descentralización do Grao de Medicina

O órgano está integrado por preto de 40 profesionais e estará coordinado por Javier de Toro, xefe do Servizo de Reumatoloxía do complexo hospitalario e catedrático da UDC
A CORUÑA chuac udc grao medicina
28 Oct 2026

O Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) acolleu este mércores a constitución da súa Unidade Docente para avanzar na descentralización do Grao de Medicina. O órgano, integrado por preto de 40 profesionais, será o encargado de organizar as ensinanzas e o Plan de Organización Docente (POD), en coordinación coa Universidade de Santiago de Compostela (USC).

A sesión constitutiva contou coa presenza do reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao, e do xerente do CHUAC, Luis Verde. Durante o encontro tamén foi elixido como coordinador da unidade Javier de Toro, catedrático de escola universitaria da UDC e xefe do Servizo de Reumatoloxía do complexo hospitalario. De Toro compatibilizará esta responsabilidade coa dirección do Departamento de Medicina da universidade, creado o pasado mes de marzo.

A unidade deberá coordinarse cos departamentos implicados na docencia para garantir que os criterios de ensino e avaliación sexan similares en todos os lugares nos que se imparte o grao. Segundo destacou De Toro, esta nova etapa permitirá reforzar a colaboración entre a institución académica e a sanitaria, e puxo en valor o potencial profesional das persoas que integran o órgano.

A descentralización continuará o próximo curso

A nova unidade traballará xunto co Departamento de Medicina da UDC para impulsar o proceso de descentralización. A iniciativa arrancou este curso coa docencia clínica de quinto de Medicina e prevé implantar a totalidade deste curso no próximo ano académico.

O Departamento de Medicina da UDC reúne dez áreas de coñecemento: Anatomía e Embrioloxía Humana, Cirurxía, Farmacoloxía, Fisioloxía, Historia da Ciencia, Medicina, Medicina Preventiva e Saúde Pública, Otorrinolaringoloxía, Psiquiatría, e Radioloxía e Medicina Física.

A agrupación destas especialidades nun único departamento, xunto coa constitución da unidade docente, busca mellorar a planificación do ensino descentralizado, favorecer as sinerxías entre as distintas áreas e consolidar a proxección académica e social da formación médica na Coruña.

Un coordinador con traxectoria clínica e investigadora

Javier de Toro Santos é doutor en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela e incorporouse ao CHUAC en 1988 e á UDC en 1992. Ademais da súa actividade asistencial e docente, está adscrito ao Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC).

As súas principais liñas de investigación céntranse na terapia celular e na medicina rexenerativa, así como na xestión sanitaria e nas afeccións musculoesqueléticas e reumáticas.

0.26878309249878