O Ciclo Mestre Mateo achega o mellor cinema galego a catro concellos da provincia

O deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela, presentou este xoves no Pazo provincial a nova edición do Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa que achega o mellor do cinema galego aos concellos de Marín, Mondariz, Salvaterra de Miño e Vilanova de Arousa. A actividade realízase coa colaboración da Academia Galega do Audiovisual, representada no acto polo seu vogal Milo Baños.
Cubela destacou que esta proposta permite "diversificar e vertebrar a oferta cultural da provincia", ademais de contribuír á profesionalización do sector audiovisual. Tamén puxo en valor outras iniciativas impulsadas pola Deputación, como os premios María Luz Morales, a marca Rías Baixas Film Fest ou a liña de patrocinios Rías Baixas Acción.
Cada un dos catro concellos participantes acollerá, entre maio e decembro, oito proxeccións de filmes finalistas nos Premios Mestre Mateo. Inclþnse catro títulos de ficción (“As Neves”, “+Cuñados”, “Honeymoon” e “Xustiza artificial”) e catro documentais (“Prefiro condenarme”, “Aurora”, “Salvaxe, salvaxe” e “Filmei paxaros voando”).
A última edición do ciclo, celebrada en Cerdedo-Cotobade, Moraña, As Neves e Ribadumia, reuniu máis de 1.000 asistentes cunha media de 30 persoas por sesión.